Aspaber entrega os diplomas do curso de Coidador de persoas con discapacidade

Foto de familia dos participantes
Aspaber (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños) vén de clausurar nas súas instalacións da Brea un curso de Coidador de persoas con discapacidade física e psíquica no que teñen participado un total de 17 persoas entre os meses de novembro e febreiro e cun aproveitamento de 300 horas. Ademais dunha parte máis formativa, a actividade incluíu o desenvolvemento de prácticas, tanto no Centro de Día de Aspaber, como en outras entidades, como centros da terceira idade, etc. O peche da actividade consistiu na entrega de diplomas, na que, ademais do presidente e a directora de Aspaber, Francisco Costa e Dolores Vázquez, estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a directora territorial de Fundosa (Fundación ONCE para a Cooperación e Inclusión Social de Personas con Discapacidade), Menchu Iglesias, e as persoas responsables de impartir o curso. Costa aproveitou para felicitar aos futuros coidadores e ás familias, e agradeceu a colaboración da Fundación ONCE, impulsora do curso, sen esquecer solicitar a súa axuda para actividades futuras, especialmente nestes tempos “en que os medios son francamente xustos”. Pola súa banda, Vázquez subliñou o excelente rendemento do curso, que “superou todas as expectativas” e que serviu “non só para a formación laboral”, senón tamén para “traballar no propio ámbito familiar”.
Así mesmo, Vázquez quixo resaltar a actitude positiva de todos os cursillistas e, ao igual que Costa, desexou que a Fundación ONCE teña en conta á entidade para futuras experiencias formativas. Menchu Iglesias recolleu “o guante” lanzado pola directiva de Aspaber, especialmente en iniciativas que fomenten “a inserción laboral”. Salientou que non é a primeira ocasión na que Fundosa e Aspaber colaboran e quixo felicitar aos diplomados por demostrar a súa actitude “traballadora e responsable”. Respecto do futuro, manifestou a intención da entidade que representa de seguir colaborando, ben afondando no ámbito da formación ou incluso “a través doutras vías que teñan máis capacidade de xerar emprego”. Por último, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo expresarlle a Aspaber o agradecemento de “todos os carballeses e carballesas polo extraordinario traballo que estades a facer”. Manifestou a necesidade de que se “derruben moitas barreiras, especialmente aquelas que están internamente dentro de cada individuo”. Por último, lembrou que o Concello carballés está pendente da resolución do concurso para a concesión do servizo de limpeza nos centros de ensino municipais, e expresou que “sería extraordinario que en boa lid Aspaber resultase ser a empresa adxudicataria”. Rematou transmitindo os parabéns de todos os presentes ás persoas que fixeron o curso (na imaxe).











