As xornadas informativas sobre aforro e eficiencia enerxética en Lalín impartiranse o 29 de abril
O luns, 29 de abril é a data consensuada polo Concello de Lalín cos IES Ramón María Aller e IES Laxeiro e coas asociacións para impartir unha serie de charlas sobre aforro e eficiencia enerxética promovidas pola Deputación de Pontevedra a través do proxecto RETALER II coas que se trata de incidir na importancia da enerxía e na concienciación acerca da necesidade de incorporar medidas de eficiencia nas casas e de promover o aforro enerxético e o uso das enerxías renovables.
Deste xeito, no IES Aller Ulloa esta sesión informativa dirixida ao alumnado do centro comezará ás 13.40 horas, mentres que a do IES Laxeiro iniciarase ás 16.00 horas. As charlas cunha duración aproximada dunha hora estarán impartidas por persoal especializado da Fundación Galicia Sustentable, entidade con gran experiencia na organización deste tipo de actividades formativas no eido medioambiental e estarán dirixidas ao alumnado de 1º de ESO que foi o que escolleron os dous centros.
Pola tarde as 19.30 horas no Espazo Cultural Casa Consistorial terá lugar a charla dirixida para asociacións e nas que pode participar o público en xeral. Tamén se lle enviará información ao Colexio Sagrado Corazón por se estivese interesado en acoller unha destas charlas que tería que ser, en todo caso, na mesma data, 29 de abril.
As dúas charlas orientadas ao alumnado do IES Laxeiro e IES Ramón María Aller Ulloa pretenden favorecer a reflexión da mocidade sobre aspectos relacionados coa enerxía e a sustentibilidade. Os contidos serán adaptables e modulables en función do número de participantes, idades, pero compartirán o enfoque sobre o entendemento do sistema enerxético, os consumos, a mellora dos hábitos e a potencialidade de uso que presentan as enerxías renovables.
Na sesión orientada as asociacións e outras entidades lalinenses así como a usuarios/as en xeral ofrecerase información básica que permita racionalizar as actuacións no fogar de cara a diminuír a dependencia enerxética, xa que as familias galegas son responsables do 25% do consumo total final de enerxía.
Ademais de persoas encargadas das tarefas no fogar poderán participar quen estea interesado/a en coñecer comportamentos cunha maior eficiencia ambiental e de coñecer os aforros, económicos e medioambientais que levan aparellados.
Terá tamén unha duración aproximada dunha hora e farase especial fincapé no aforro, no uso das tecnoloxías e equipos eficientes e nas enerxías renovables. Tamén se explicará a facturación dun recibo da luz e ao final haberá lugar para preguntas e debate.
A través destas actividades de divulgación sobre recursos enerxéticos Deputación de Pontevedra e Concello de Lalín amosan o compromiso co aforro e e a eficiencia enerxética apostando pola formación e educación como a mellor das ferramentas para mellorar a protección do medio ambiente.
Trátase de que todas as persoas poden axudar a reducir o consumo enerxético mediante a incoporación de pautas sinxelas e hábitos no fogar, no colexio, no coche, no traballo, etc. Ademais de consumir menos enerxía tamén se diminúen as emisións de CO2 á atmosfera e se mellora a protección medioambiental.
A Deputación de Pontevedra é socio colaborador, xunto con outras 16 entidades portuguesas e españolas, do proxecto RETALER II co que se trata de fomentar o aforro e a eficiencia enerxética desde un enfoque integrado. Este proxecto ten un orzamento total de 2.421.110,93 euros, dos que a UE achega o 75%.











