As obras de mellora do Paseo Marítimo entran na recta final cos traballos de asfaltado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraLocal
A-
A+
Tarefas de asfaltado no Paseo Marítimo

Tarefas de asfaltado no Paseo Marítimo

As obras que executa o Concello de Cedeira para a mellora do Paseo Marítimo da Madalena entraron esta semana na súa recta final ao realizarse os traballos de asfaltado da vía. A intervención conta cun presuposto total de 142.655 euros e, segundo as estimacións finais, podería estar concluída no prazo dun mes se persisten as condicións climatolóxicas favorables.

A intervención permitirá mellorar as condicións de circulación e a seguridade da vía mediante o reforzo do firme. Ao respecto, a Administración local explica que os operarios aplicaron rego asfáltico no vial, xustificando a súa necesidade na deterioración que presentaba o firme pola antigüidade da capa de rodadura, que provocou a presenza de cuarteamentos superficiais. Por outra parte, a intervención mellorará as condicións de accesibilidade para persoas con diversidade funcional elevando os pasos de peóns á altura das beirarrúas. Unha intervención que obrigará tamén a executar novos sumidoiros para facilitar a evacuación das augas pluviais e evitar así o estancamento nos devanditos pasos, e a adaptar os rexistros existentes á nova rasante.

Con esta obra, o Concello tamén quere potenciar o ámbito do areal como espazo de ocio e estanza reordenando a circulación e ampliando o tramo de sentido único do vial (quedará así dende a Praza ata a intersección coa Avenida do Salinas). Ao respecto, executarase nova sinalización, tanto horizontal coma vertical. E, por último, gañarán novas prazas de aparcadoiro.

Neste sentido, a Administración local apunta que a demanda de estacionamentos presenta unha importante variación estacional, sufrindo un incremento notable nos meses de verán ao longo de todo o paseo, cunha redución o resto do ano no tramo final, aínda que no tramo máis próximo ao núcleo se mantén ou eleva pola presenza do colexio. De aí a necesidade de ampliar as prazas de aparcadoiro.

19 de abril de 2013 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.