As inspecións técnicas periódicas de vehículos agrícolas iniciaranse o vindeiro luns
Desde o 8 ao 12 de abril desenvolverase en Lalín a campaña da unidade móbil de maquinaria agrícola. Así o anuncia o edil de Actividade e Produción Agraria, Manuel Fernández López, que anuncia que “o programa iniciarase o vindeiro luns na parroquia de Cercio, onde permanecerá tamén os días 9 e 10 para logo ofrecer este servizo o xoves 11 na parroquia de Anzo e o día 12 na de Vilatuxe”.
En todos os casos as inspecións técnicas periódicas de vehículos agrícolas (vehículos sen carga) terán lugar xunto aos centros sociais das tres anteditas parroquias, en horario de 9 a 13.30 h e de 15.15 a 18 h, agás os días 10 e 12 no que o horario será de 9 a 13.30 horas.
As persoas interesadas en solicitar cita previa deberán chamar ao 881 920 490 ou a través da páxina web www.sycitv.com no apartado de cita previa.
Manuel Fernández valora positivamente que este ano se sume unha nova parroquia a este programa de inspección técnica de vehículos agrícolas que se viña desenvolvendo inicialmente na parroquia de Cercio, que logo pasou á de Anzo (xa no pasado ano) e que este ano incorpora un novo emprazamento. “É proba de que o programa se vai estendendo polos diferentes lugares do noso rural para garantir un servizo máis amplo e máis accesible aos nosos gandeiros, de aí que é importante que aproveiten os recursos que teñen ao seu dispór”, precisa.
“Con estes tres emprazamentos no rural unido ao servizo que se presta ao longo de todo o ano na ITV do Polígono Lalín 2000, dáse cobertura a todo o concello”, resalta. “No caso dos emprazamentos no rural dáse cobertura tamén ás parroquias limítrofes que poden optar onde facer a inspección da maquinaria, en función da proximidade”.











