As fortes chuvias permitirán a Culleredo un aforro de 50.000 euros en compra de auga
As fortes chuvias que están a caer permitiron ao Concello de Culleredo comprar 40.283 metros cúbicos menos de auga a EMALCSA no primeiro trimestre do ano, con respecto a 2012. Esta baixada na compra supón un aforro para as arcas municipais de 11.531,22 euros. O ano pasado, no primeiro trimestre, o Concello comprou 467.319 metros cúbicos e este ano no mesmo trimestre, 427.0367 metros cúbicos. A devandita redución débese á gran cantidade de chuvia caída, o que permitiu unha recuperación dos acuíferos do sistema de captación propio, que dispón o Concello de Culleredo no Monte Xalo.
A recuperación dos acuíferos, permite dispoñer na captación do Concello de unha maior porcentaxe de cantidade de auga dispoñible e polo tanto a ampliación da distribución a un maior número de usuarios.
O Concello de Culleredo móstrase satisfeito polas vantaxes desta situación, que considera poderase manter ao longo do ano, o que produciría un aforro superior aos 120.000 metros cúbicos no ano 2013, e un aforro económico próximo aos 50.000 euros. O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, apunta que esta contía que se reinvestirá en melloras na rede de augas.
Cada ano o Concello de Culleredo, compra auga a EMALCSA sobre 2 millóns de metros cúbicos, o que lle supón un importe de 540.000 euros.











