As exposicións sobre lingua e literatura galegas seguen á volta da Semana Santa
O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, segue a ofrecer de balde, a calquera colectivo que as solicite, exposicións que teñen como fin promover a normalización da lingua galega mediante o coñecemento e a reflexión sobre distintos aspectos da nosa realidade e de persoeiros senlleiros para a historia da lingua galega.
A partir do xoves 4 poderanse visitar:
⁃ O galego tamén noutros mundos no CEIP de Marcón, ata o 15 de abril.
⁃ Rosalía sempre viva. Viva Rosalía! no IES de Ponte Caldelas, tamén ata o 15 de abril.
O galego tamén noutros mundos consta de trece paneis nos que se trata a dimensión aberta e internacional da lingua galega, contribuíndo á valorización social da lingua e rompendo prexuízos sobre o seu prestixio e utilidade; esta idea transmítese mediante 11 paneis:
– Panel 1: portada
– Panel 2: introdución
– Panel 3: O galego, a lingua dun reino
– Panel 4: Unha lingua internacional
– Panel 5: Unha estadounidense, poeta en galego?
– Panel 6: Unha lingua emigrante e exiliada
– Panel 7: O mundo en galego
– Panel 8: Conectados/as á rede
– Panel 9: Galician sounds
– Panel 10: Podo estudar galego en Budapest?
– Panel 11: A nosa lingua unha marca de calidade
– Panel 12: Falantes orgullosos/as
– Panel 13: O galego tamén no meu mundo
Froito da colaboración entre o Concello de Pontevedra e a Fundación Manuel María, a Concellaría de Normalización Lingüística dispón, para o ano 2013, da exposición Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!. Nela faise unha explicación clara e sintética dos eventos biográficos e literarios fundamentais de Rosalía, adiantando a celebración do 125 aniversario da publicación de Cantares gallegos.











