As alumnas de SanSa Cualific@ comezan as súas prácticas en empresas da comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

O proxecto Sansa Cualifica ten como obxectivo mellorar a capacitación e a empregabilidade das mulleres con dificultades de acceso ao mercado laboral no medio rural. Este proxecto comprende a realización dun itinerario de formación e asesoramento cun total de 10 mulleres da comarca. Tras completar a fase teórica, as alumnas comezan hoxe as súas prácticas en varias empresas e organizacións.

A fase teórica do itinerario “Teletraballo e comercio”, desenvolta durante os meses de febreiro, marzo e parte de abril, introduciu ás participantes no mundo das novas tecnoloxías, principalmente no relacionado coa visualización comercial, uso de ferramentas tecnolóxicas, redes sociais ou o teletraballo.

Estes contidos complementáronse con outros máis específicos de formación bonificada e vendas online, e con formación de carácter transversal relacionada coa busca de emprego, emprendemento, igualdade, prevención de riscos laborais xerais e sensibilización medioambiental.

Unha vez rematada a teoría, este luns comezou a última fase do itinerario, que durará ata o 13 de maio. As participantes disporán dun período de prácticas en empresas que lles posibilite aplicar e compartir todo o aprendido durante a acción formativa. O período de prácticas ten unha duración de 75 horas en diferentes empresas da comarca que colaboran co proxecto.

SanSa Cualific@ é un proxecto iniciado polos departamentos municipais de Educación e Igualdade cunha duración total de 275 horas e que, ademais, conta con financiamento da Deputación da Coruña.

22 de abril de 2013 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.