Ares inicia a licitación das obras de ampliación da rede de abastecemento en Cervás
O Concello de Ares iniciará os trámites para licitar as obras correspondentes ás obras da primeira fase de ampliación da rede de abastecemento en Cervás, unha actuación que se executará con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS) deste ano 2013, tal e como acordou o pleno da corporación na sesión do pasado mes de xaneiro. Como subliñou o rexedor, o socialista Julio Iglesias, este ano realizarase esta primeira fase, cun investimento de 67.738,8 euros, mentres que para o vindeiro ano existe o compromiso de, con estes mesmos fondos da Deputación Provincial, desenvolver a segunda fase.
Segundo consta no proxecto, estes traballos teñen un prazo de execución de dous meses, contados a partir de sinatura da correspondente acta de comprobación de replanteo.
As obras consisten, dentro do importante e amplo programa de actuacións que se están levando a cabo na rede municipal de abastecemento de auga potable, e dun xeito específico nos núcleos de poboación de Cervás e Chanteiro, de dotar de auga potable a unhas corenta vivendas a partires do novo sistema de abastecemento en Cervás.











