Aprobadas as bases para elixir os deportistas e clubs máis destacados de Monforte
As bases que rexerán o concurso para elixir os deportistas e clubs máis destacados do ano 2012 foron aprobadas pola Xunta de Goberno do concello de Monforte.
O técnico municipal de Deportes, Óscar Rodríguez, e o asesor da concellería de Deportes, José Antonio Díaz, reuníronse con responsables dos diferentes clubs e asociacións deportivas de Monforte para propoñerlles a organización deste concurso. Na reunión, que contou cunha gran participación, presentáronlles o borrador das bases e recolleron as aportacións e valoracións que sobre as mesmas fixeron os diferentes colectivos alí representados.
A iniciativa proposta pola delegación de Deportes do Concello foi ben acollida polos responsables dos clubs e entidades que asistiron á reunión, motivo polo qué, unha vez incorporadas as súas suxestións, redactáronse as bases definitivas e sometéronse á aprobación da Xunta de Goberno.
As bases definitivas, que se adxuntan a esta información, recollen, entre outras, as seguintes cuestións:
As categorías que se establecen son as seguintes:
-Mellor deportista, masculino e feminino, do ano.
-Entidade Deportiva ou club máis distinguido en canto á promoción do deporte.
-Premio á deportividade.
A presentación de candidaturas deberá ser feita por parte do club ou entidade deportiva, en ámbalas tres categorías. No caso de que un atleta individual compita de xeito independente, será este o que presente a solicitude.
As solicitudes de inscrición deberán ser presentadas no Rexistro Xeral do Concello de Monforte dende o día seguinte á súa publicación na páxina web do Concello, sendo o derradeiro día para presentalas o 30 de abril ás 14:00 h.
As solicitudes deberán conter obrigatoriamente a seguinte documentación:
-Instancia de solicitude asinada polo interesado.
-No caso de optar ó premio de mellor deportista, relación detallada dos logros deportivos conseguidos durante o ano 2012 en campionatos oficiais, indicando con claridade tódolos datos da competición (denominación, datas, categoría, etc.)
-No caso de clubs e entidades deportivas que opten ó premio á promoción do deporte deberase facer unha exposición de motivos na que consten as razóns polas que deberían ser considerados como a entidade deportiva máis distinguida en canto á promoción do deporte.
-Para participar na categoría de xesto deportivo deberase entregar unha memoria explicativa do xesto deportivo realizado.
Unha vez finalizado o prazo de solicitudes farase pública a listaxe das candidaturas que optan á elección.
A convocatoria será resolta no prazo máximo de 20 días dende o peche de recepción de solicitudes.
En cada unha das categorías haberá un vencedor e dous accésits.
Para descargar as bases pincha aquí.











