Ames recibirá 45.860 euros da Deputación da Coruña para levar a cabo melloras no campo de fútbol de Bertamiráns
O Concello de Ames recibirá da Deputación da Coruña un total de 45.860,46 euros para acometer un conxunto de actuacións no entorno do campo de fútbol de Bertamiráns. Esta achega económica, aprobada polo Pleno do organismo provincial, supón máis do 78% do orzamento das obras, que en total ascenderá a 58.749,54 euros. Entre as obras que se levarán a cabo destaca o peche do campo de fútbol ou a instalación de novos aseos.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, reuníronse esta mañá co presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, para amosarlle o proxecto e informalo das súas características. O rexedor amiense fai fincapé na importancia deste investimento, comprometido polo presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo. Santiago Amor destacou que “o conxunto de todas as obras que se levarán a cabo no campo do Bertamiráns suporán un beneficio que se fará sentir de xeito positivo no conxunto da instalación, na mellora do seu funcionamento e no resultado final da práctica deportiva”.
Na reunión, tamén abordaron o discorrer da tempada que está realizando o Bertamiráns FC e tanto o rexedor como a concelleira lle transmitiron ao presidente do club o seu desexo de que o equipo poida ascender de categoría. De feito, este domingo o Bertamiráns FC afrontará un partido clave, xa que recibirá no seu campo ao Grixoa, que neste momento está de primeiro na clasificación.
Obras previstas
Os traballos previstos no campo de fútbol de Bertamiráns inclúen o peche da instalación, o acondicionamento do palco e a instalación dun novo almacén debaixo deste e a creación de dous almacéns debaixo das gradas. Ademais, acometeranse obras xerais de urbanización e acondicionamento do campo como un novo solado do perímetro de acceso ás gradas, o arranxo do camiño traseiro ou a plantación de céspede e de trepadeiras.
O proxecto tamén supón a instalacións de novos aseos no campo de fútbol e a realización de reparacións. Entre estas inclúense as melloras de elementos como varandas, taquilla ou reposición de reixas.











