Alumnado da localidade bretoa de Vannes visita Carballo nun intercambio co IES Monte Neme

Recepción dos estudantes bretóns
Un grupo de alumnos e alumnas da localidade bretoa de Vannes (Francia) visita Carballo até o venres 19 de abril nun intercambio con alumnado do IES Monte Neme da capital municipal. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e a Tenente de Alcalde e representante do Concello no Consello Escolar Municipal, Milagros Lantes, recibiron no salón de plenos da Casa Consistorial a estes rapaces e rapazas que chegaron á vila o xoves 11 de abril e que durante as próximas xornadas convivirán nas aulas con alumnado do IES Monte Neme e serán acollidos en distintas familias en toda a vila. Baixo a supervisión de directiva e profesorado do instituto, e nunha mestura de galego, castelán e francés, recibiron a benvida do rexedor, que subliñou o feito de que coñece a “preciosa” vila de Vannes de primeira man, así como parte da Bretaña francesa, desexando que “esta visita permita establecer amizades entre persoas de Galicia e Bretaña”. A delegación de Vannes xa ten estado no Museo de Bergantiños e no centro da vila, pero nos próximos días tamén coñecerán A Coruña, Santiago de Compostela e Portugal, ademais de participar en varias clases coa sección bilingüe de francés do IES Monte Neme. Durante a recepción, o Alcalde recibiu da delegación francesa un agasallo consistente en sidra bretoa e unha caixa de doces típicos, mentres que os rapaces e rapazas franceses recibiron un pequeno lote de libros.
A profesora de Lingua Francesa no IES Monte Neme, Sandra Rodríguez Nieto, quixo resaltar a gran cantidade de semellanzas existentes entre Carballo e Vannes, moitas máis das que podería parecer nun primeiro momento, e subliñou que o intercambio ten moitas cousas que ensinarlles ás dúas partes. Como anécdota, comentou que moitos dos alumnos e alumnas da delegación francesa xa tiveron a oportunidade de desfrutar dalgunhas das mellores mostras da gastronomía galega. Esta visita enmárcase dentro do Proxecto Comenius Regio “Échangeons notre échange scolaire” (“Intercambiemos o noso intercambio escolar”) que busca promover o desenvolvemento de actividades de cooperación entre autoridades activas no eido da educación en Europa e contribuír así a mellorar a súa oferta de ensino, participando por parte de Carballo o IES Monte Neme. A iniciativa para que o IES Monte Neme tomase parte no Proxecto Comenius Regio partiu da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O tema central son os intercambios e o seu fomento, sendo o eixe do proxecto o lanzamento dun protocolo de xestión para desenvolver este tipo de actividades. A primeiros de marzo unha delegación de alumnado do IES Monte Neme tivo a oportunidade de coñecer Vannes, quedando moi contentos pola acollida, e agora é a quenda da cidade bretoa en Carballo.











