Adxudicado o contrato de obra para unha “Rede de saneamento en Pedra Furada”
A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de adxudicar o contrato de obra para a creación dunha “Rede de saneamento en Pedra Furada” -na imaxe a Rúa Pedra Furada-, unha actuación incluída no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, POS Adicional 2012. O prezo de adxudicación é de 31.460 euros con IVE sobre un valor estimado do contrato de 38.527,37 euros. Os traballos serán realizados por Construcciones Vázquez y Reyno SL e o prazo de execución é de cinco meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación e replantexamento. Así mesmo, e dentro do apartado de contratación, a Xunta de Goberno sacou adiante o expediente do contrato administrativo para o “Servizo de prevención alleo do persoal do Concello de Carballo”. A adxudicación realizarase mediante procedemento aberto e o contrato ten por obxecto a realización das actividades preventivas de vixilancia da saúde e especialidades técnicas que engloban a seguridade, hixiene e ergonomía no traballo incluíndo: recoñecementos médicos, medicina no traballo, plans de prevención de riscos laborais e plans de emerxencia e memoria anual de actividades. O orzamento anual do contrato é de 12.110 euros con IVE, sendo o seu período de duración inicial de catro anos.
No que respecta ao apartado de subvencións, recibiron luz verde as bases de varias convocatorias. En primeiro lugar as de Subvencións ás ANPAS para a realización do programa de actividades 2013. Estas axudas teñen por obxecto colaborar coas asociacións de nais e pais dos centros de ensino de Carballo para complementar os labores académicos e contribuír ao labor de dinamización cultural que realizan estas entidades, promovendo a organización e realización de actividades de carácter educativo. A concesión de subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva e o importe depende de número de alumnos e alumnas do centro: con 300 euros para aqueles de menos de 50 alumnos e con 700 para os de máis de 50. Aprobáronse, así mesmo, as bases e convocatoria para as Subvencións para a realización de viaxes escolares 2013, que perseguen colaborar cos centros de ensino de 2º ciclo de Educación Infantil e /ou Primaria e cos IES de Educación Secundaria para a realización de viaxes escolares de carácter cultural durante o ano 2013 co obxecto de ofrecerlle ao alumnado a posibilidade de coñecer novos lugares e recursos.
Coma no caso da convocatoria anterior, a concesión das subvencións realízase en réxime de concorrencia competitiva e o importe depende de número de alumnos e alumnas do centro: centros de menos de 50 alumnos: 120 €; centros de entre 51 e 124 alumnos: 300 €; centros de entre 125 e 400 alumnos: 475 €; centros de entre 400 e 500 alumnos: 570 €; centros de máis de 500 alumnos: 660 €; cando un centro imparta clases a diferentes unidades en máis dun edificio separados en máis de 500 metros, concederase un mínimo de 120 € por cada edificio. Tamén recibiron o visto e prace as bases das Subvencións para a realización de Cabalgatas de Reis 2013, que pretenden promover a organización e realización de actividades culturais de animación infantil en períodos festivos como o Nadal e contribuír ao manetemento de tradicións tan populares como as Cabalgatas de Reis. Por último, a Xunta de Goberno aprobou as bases e convocatoria do Convenio Musical 2013 que ten por obxecto contribuír á promoción da música e do folclore do Concello e colaborar coas diferentes entidades que ao longo do ano organizan diversos actos culturais no municipio. O importe das actuacións, segundo o tipo e compoñentes da agrupación, é o seguinte: grupos de música e danza tradicional (mínimo de 12 compoñentes): 350 €; grupos de gaitas (mínimo de 4 compoñentes): 260 €; grupos de cantareiras (mínimo de 4 compoñentes): 260 €; masas corais (entre 19 e 30 compoñentes): 260 €; masas corais (a partir de 30 compoñentes): 425 €; orquestras, conxuntos e bandas de música (mínimo de 4 compoñentes): 350 euros.
Seis convenios: un para atender os desafiuzamentos
No apartado de convenios, a sesión supuxo a aprobación dun total de seis. O primeiro deles é un Convenio de colaboración entre o Consejo General del Poder Judicial, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) sobre a detección de supostos de vulnerabilidade con ocasión do lanzamento da vivenda familiar e medidas de carácter social. O acordo pretende establecer un protocolo de actuación en casos de desafiuzamento por execución hipotecaria ou falta de pagamento da renda nos que exista especial risco de exclusión e vulnerabilidade social para poder incluír aos afectados e afectadas no programa de realoxamento do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e ofrecerlles axuda a través dos servizos sociais. Outros dos acordos consistiu na dación de conta dun Convenio da Universidade da Coruña co Concello de Carballo para a realización de prácticas externas extra curriculares dos estudantes da Enxeñería Técnica Superior (ETS) de Camiños, Canais e Portos no Concello de Carballo. Así mesmo, a orde do día supuxo a aprobación dun convenio co Club Ciclista Carballo; outro coa Escola Básket Xiria; outro coa Escola Balonmán Xiria; e un convenio para aprobar a programación en Carballo da Rede Galega de Teatros e Auditorios para o primeiro semestre de 2013.











