Aberto o prazo para a inscrición nos campamentos deportivos 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A concelleira responsable da área de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, informa da apertura do prazo de inscrición nos Campamentos Deportivos 2013 para rapaces e rapazas nados nos anos 2003, 2002, 2001, 2000 e 1999 que organiza a Deputación Provincial da Coruña. As solicitudes poden facerse dende hoxe e ata o vindeiro 16 de maio no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol, onde será entregada ademais a documentación correspondente.

Os deportes en que se iniciarán os nenos/as son equitación, kaiak, piragüismo, tenis, voleipraia, fútbol 7, baloncesto, volei e tamén, realizarán batuka, capoeira e hip-hop. Ademais de prácticas deportivas, os participantes terán a ocasión de facer visitas culturais por diferentes centros de interese da Coruña e arredores. Os campamentos desenvolveranse do 30 de xuño ao 6 de xullo e os participantes nos mesmos estarán aloxados no colexio Calvo Sotelo da Coruña. A cota de inscrición é de 85 euros e inclúe transporte interno, estadía e manutención e todo o gasto que ocasionen as actividades programadas. Así mesmo, o material propio das actividades deportivas (raquetas de tenis, balóns e chalecos salvavidas) entregaráselle a cada participante durante a celebración do campamento.

As solicitudes de inscrición deben presentarse no Rexistro Xeral xunto coa seguinte documentación adicional: unha fotografía tipo carné; fotocopia da tarxeta sanitaria; fotocopia do libro de familia ou carné de identidade; volante de empadroamento; copia de pagamento da cota de inscrición; xustificante médico asinado polo facultativo pertinente, onde consten as alerxias alimentarias ou de calquera outro tipo, no suposto de que o neno/a debera ter un tratamento específico ou doenza que haxa que ter en conta. Así mesmo, as prazas son limitadas e si existe máis demanda que a ofertada realizarase un sorteo público por parte do Concello de Ferrol.

Inglés e fomento de valores

Como novidade este ano, os participantes realizarán actividades relacionadas có inglés. Pero tamén pernoctarán en tendas de campaña durante unha noite ou realizarán actividades e xogos que fomentarán a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e valores como o respecto polos demais.

Para máis información, os interesados poderán consultar a páxina oficial da Deputación da Coruña: >www.dicoruna.es ou chamar ao teléfono 981 080 300, indicando o número de extensión 4308.

26 de abril de 2013 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.