Aberto até o 11 de maio o prazo para solicitar a prestación económica por fillos/as menores de tres anos
O DOG (Diario Oficial de Galicia) vén de publicar o luns 1 de abril a Orde pola que se establecen as bases que rexerán a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2013 (de 360 euros). Así, aquelas persoas que, con data do 1 de xaneiro de 2013, teñan ao seu cargo fillos/as menores de tres anos terán dereito a percibir unha prestación de 360 euros por cada un deles cando, durante o ano 2011, nin elas nin ningún dos membros da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a ese período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estaren obrigados a iso.
O prazo de presentación das solicitudes é de corenta (40) días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, é dicir até o sábado 11 de maio. Os interesados e interesadas poden obter máis información no departamento de Servizos Sociais do Concello de Carballo, situado no edificio da casa consistorial en horario de luns, mércores e xoves de 9.00 a 14.00 horas; e martes e venres de 10.00 a 13.00 horas. O teléfono é 981 704 706.











