A XXII edición dos Xogos Florais María Pita estarán dedicados a Rosalía de Castro
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou a XXII edición dos Xogos Florais María Pita, convocados pola Orde de Cabaleiros de María Pita e dedicados, este ano, á figura de Rosalía de Castro, con motivo do 150 aniversario da súa obra Cantares Galegos e baixo o lema: Abre esa ventá que quero ver o mar!
Xa se publicaron as bases do certame no que poderán participar, como sempre, todas as persoas que o desexen, agás as gañadoras do ano anterior. Os temas basearanse en composicións poéticas en dúas categorías: sénior
-maiores de 18 anos-, e xuvenil, con premios de 1.000 e 500 euros. Os traballos deberán ser orixinais, terán un máximo de 100 versos e poderán entregarse ata o próximo 30 de setembro.
Os títulos dos poemas finalistas faranse públicos dentro da programación dos actos das Festas do Rosario 2013. “Queremos dotar ás festas da nosa patroa da importancia que se merecen”, explicou Fernández e engadiu: “Aínda non temos un calendario pechado para o Rosario pero xa podemos asegurar que esta celebración contará cun amplo programa de ocio e actividades para todos os públicos. Entre elas, como é tradición, estarán os XXII Xogos Florais da Orde de Cabaleiros de María Pita.
A tenente de alcalde tamén explicou que os Xogos Florais concluirán no mes de outubro no centro sociocultural Ágora, onde se desenvolverá unha reunión poética protagonizada polos autores dos poemas finalistas e recordou a tradición que esta iniciativa ten na cidade: “Xa son 22 edicións, 22 anos cun obxectivo claro: dar a coñecer a heroína desta cidade: María Pita. Ademais farao nun día tamén de suma importancia para A Coruña, o día da patroa, e en homenaxe este ano á voz da poesía galega”, concluíu.











