A Xunta de Goberno Local adxudica as obras do Plan DTC 94
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha acordou hoxe, na súa reunión ordinaria, adxudicar as obras que se financiarán con cargo ao Plan “DTC 94: Unha deputación para todos os concellos” promovido pola Deputación Provincial da Coruña.
O Concello da Laracha percibirá con cargo a este programa a cantidade de 284.057,10 euros. Tal e como acordara no seu día o Pleno da Corporación por iniciativa do grupo de goberno, o cincuenta por cento destinarase a gastos correntes e a outra metade, a investimentos na mellora da rede viaria e das redes de abastecemento de auga cos proxectos que se adxudicaron hoxe.
Así, con fondos do Plan DTC 94 será renovada a capa de rodadura en estradas dos núcleos de Cardois (parroquia de Cabovilaño), Taberna Nova e Penso (Coiro), Sabaceda e Cumiáns (Montemaior), Portela, A Pereira e Vilar (Erboedo), Campo da Porta (Lendo), A Ferradura (Soandres) e As Cardosas (Soutullo).
A mellora da rede de abastecemento de auga afectará aos lugares de A Ferraría (Coiro), A Fonteseca e A Pedra (Golmar) e o Campo da Porta e Lista (Lendo).
Unha vez adxudicados os proxectos, as obras iniciaranse nos próximos días.











