A XI Bienal Internacional “Pintor Laxeiro” de Lalín ten recepcionada xa ao redor do 90% das obras

Obras recibidas
O Museo Municipal leva recepcionada ao redor do 90% das obras que comporán a exposición correspondente á XI Bienal Internacional “Pintor Laxeiro” de Lalín, e esperamos que o resto entren por transporte o vindeiro luns”. Así o destaca a concelleira de Cultura, María Álvarez que lembra que a mostra desta undécima Bienal Internacional “Pintor Laxeiro” de Lalín estará composta por 52 obras selecionadas, gañadoras nas disciplinas de pintura, escultura e fotografía, xunto cunha decena de obras de Alfonso Sucasas, artista convidado desta Bienal, que serán cedidas para esta mostra polo seu galerista, José María Manzano, da Coruña.
María Álvarez sinala que “estas 52 obras de creadores noveis, seleccionadas de entre máis dun cento, amosan a versatilidade e o eclecticismo das novas tendenzas artísticas”. “En pintura proliferan os collages, seguido de técnicas como o óleo e o acrílico, sendo os temas principais as paisaxes urbanas e os retratos; en fotografía a temática é moi diversa e en escultura as obras son máis eclécticas, existindo a figuración, obras de reciclaxe con técnicas e materiais diversos”, explica.
A responsable municipal resalta que “se pon de manifesto que a crise é un estímulo á creatividade como se demostra con esta Bienal que chega a súa undécima edición e que se pode considerar que se ten consolidado como un dos eventos culturais máis importantes de Galicia”. “Nunha edición, ademais, no que o artista convidado a título póstumo será o lalinense Alfonso Sucasas, recemente falecido e do que queremos destcaar o aporte á plástica nacional e en especial á galega”, salienta.
A Bienal está dotada con 6.000 euros para a adquisición de obra e ademais a Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño seleccionará a dous artistas para participar na XII Xuntanza Internacional de Artes Plásticas en xullo de 2014 (con estancia, manutención, materiais e exposición colectiva por conta da Fundación). Así mesmo as obras recolleranse nun catálogo editado pola Consellería de Cultura da Xunta que contribuirá a unha maior difusión e promoción da Bienal e dos artistas.











