A web lalin.org rexistrou nos seis meses dende o seu redeseño máis de 43.000 visitantes
Máis de 43.800 visitantes rexistrou a páxina web www.lalin.org dende a súa remodelación que se presentou e puxo en marcha a finais de setembro do pasado ano, ás portas das Festas da Virxe das Dores, o que supón unha media de 250 visitas diarias.
O edil de Novas Tecnoloxías, José Antonio Rodríguez, explica que nos case seis meses que leva en funcionamento dende o redeseño e actualización da mesma “foron 43.831 os visitantes que leron unha media de catro páxinas da web co que o número de páxinas lidas superaría as 160.000 páxinas”. O número de visitas diarias ronda as 250, con picos importantes en datas como as dos días previos á Feira do Cocido que “se superaron os 1.000 visitantes _o día 1 de febreiro- que usaron a web como ferramenta de consulta para se achegar á Feira”.
A maior parte dos visitantes, “o 90% son hispano parlantes, seguidos polo 5% que son de fala inglesa e arredor do 2% de lingua portuguesa”. En canto á procedencia dos visitantes nacionais, “o maior número son da provincia de Pontevedra, seguidos dos de Ourense, A Coruña e a continuación dos de Madrid”.
En canto á plataforma dende a que se consulta, “a maior parte faino dende ordenadores, o 89%, aínda que destaca o feito de que o 11% visita a web utilizando plataformas móbiles, ben o teléfono ou a tablet”.
Sobre a procedencia dos visitantes, a maioría, un 45% accede directamente dende a páxina lalin.org, un 35% a través de buscadores e un 20% procedente de enlaces a páxina existente noutras webs.
Por último, o 90% dos visitantes utiliza a páxina na lingua predeterminada, o galego; e só un 10% opta por usar a opción da versión traducida ao castelán.
Sobre os contidos visitados, a páxina máis vista, por razóns de ordenación, é a principal, seguida polas novas que incorpora e polas que amosan seguemento os internautas. As diversas seccións repártense os visitantes, tendo especial interese aqueles apartados con información sobre tramitacións e axudas.











