A unidade móbil da ITV para turismos visitará Cedeira a próxima semana
A unidade móbil da ITV para turismos visitará Cedeira a próxima semana. Por iso, o Concello recorda aos veciños e veciñas interesados en acceder a este servizo que aínda poden solicitar cita previa para realizar a revisión periódica dos seus vehículos
na propia vila, evitando así ter que desprazarse ata Ferrol. Tan só deben chamar ao teléfono 881 920 977 ou entrar na páxina web www.sycitv.com (apartado cita previa) e concretar o horario.
A medida é posible grazas ás xestións do Concello, que solicitou á ITV que desprazara unha das súas unidades móbiles a Cedeira para facilitar as inspeccións. Sobre a base desta relación de colaboración, os veciños xa puideron acceder ao servizo o pasado mes de xaneiro. A próxima visita terá lugar o 30 de abril e o 2 de maio. Situarase no Camiño Real da Madalena, fronte aos restaurantes da Revolta e O Areal. Un espazo de doado acceso e gran mobilidade situado en pleno paseo marítimo da vila. Na xornada do 30 de abril, o horario será de mañá e tarde (de 9 a 13,30 horas e de 15,15 a 18 horas), mentres que o 2 de maio, se limitará á mañá, de 9 a 13,30 horas.
Así mesmo, dende o Concello infórmase de que a citada unidade móbil regresará á vila no mes de setembro. Os vehículos que poderán beneficiarse da medida serán aqueles con masa menor ou igual a 3.500 quilogramos. Isto é, turismos, quads e coches que non precisan carné para o seu condución. Precisamente, a medida será especialmente vantaxosa para estes últimos.











