A Semana Verde de Galicia convoca o II Concurso de Fotografía para a posta en valor do rural
A 36ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que terá lugar do 13 ao 16 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia, acollerá a segunda edición do seu Concurso de Fotografía do Mundo Agropecuario, a través do cal busca de novo, ante a gran acollida da primeira convocatoria, poñer en valor o medio rural galego e achegalo a todo o conxunto da poboación.
O mundo agropecuario en calquera das súas manifestacións, as tarefas do agro, a colleita, o gando, os gandeiros e agricultores ou a vida no rural, centran a temática deste concurso no que pode participar calquera profesional ou afeccionado á fotografía. Estes poden enviar un máximo de cinco obras por participante, rematando o prazo de admisión o 31 de maio.
As bases de participación do concurso están a disposición de todos os interesados no facebook e a páxina web desta feira multisectorial, www.semanaverde.es, e tamén en www.vexote.com. Os resultados coñeceranse na xornada inaugural da 36ª Semana Verde de Galicia, cando se fará público o fallo do xurado, o cal tamén se reunirá para seleccionar as fotografías que se mostrarán na área expositiva do certame.
Representación do agro galego e orixinalidade
O xurado seleccionará catro fotografías gañadoras. Dúas delas recibirán o primeiro e segundo premio á “Fotografía que mellor representa o agro galego”, mentres que as outras dúas serán recoñecidas tamén cun primeiro e segundo posto como “Fotografía máis orixinal”.
O xurado estará conformado por 7 profesionais do mundo da fotografía, como son Fran Nieto, coordinador para Galicia da Asociación Española de Fotógrafos de la Naturaleza (AEFONA) e director da revista Naturaleza Salvaje; Gema López, licenciada en Belas Artes e máster en Arte Contemporáneo; Álex Sampayo, director, realizador e guionista con varios premios no seu haber polas súas curtametraxes; e Marga Piñeiro, docente amante da fotografía que leva realizado unha ducia de exposición por toda Galicia. Tamén formarán parte do xurado David Mella, membro de Véxote.com; Javier Lalín, fotógrafo de prensa; e Marcos Vázquez Marey, presidente da Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Clásica.
Éxito de participación na primeira edición
A primeira convocatoria do concurso contou con gran acollida e éxito de convocatoria. Así, competiron 418 obras procedentes de todas as comunidades españolas e doutros 7 países. Estas foron presentadas por 121 profesionais e afeccionados.
Daquela resulto gañador o pamplonés Carlos Orduna Portus coa súa obra “Burgui”. O segundo posto foi para José Valiño Taboada, de Silleda, polo seu traballo “Para os de Virxilio”, mentres que o alacantino Roberto Milán se alzou co terceiro por “Manos encalladas”.











