A Semana Santa en Allariz é “un potente referente turístico”
O pasado luns de Pascua puña fin á Semana Santa en Allariz, na que se rexistraron cifras moi positivas en canto a visitantes, similar á dos últimos anos.
A pesar do mal tempo e da situación de crise económica Allariz “foi un fervedoiro de xente chegada dende diferentes puntos da xeografía galega e tamén de fóra da comunidade”, segundo explicaba o Alcalde Francisco García.
Allariz segue a ser, un ano máis, un potente referente turístico. Así o demostran os miles de visitantes que se achegaron ata Allariz (3.000 deles pasaron pola oficina de información turística) atraídos pola marca “Allariz”, procedentes da comunidade galega e de provincias próximas como Valladolid, Zamora ou Palencia. Allariz tamén recibiu visitantes de Asturias, Cantabria, País Vasco, Madrid e Cataluña ademais doutros países como Italia, Francia ou Portugal. “A Semana Santa en Allariz é un importante motor de dinamización na economía local”, sinalaba o técnico da oficina de información turística.
A programación da “Semana Santa ao Vivo” con música na rúa, actividades infantís e a celebración dos mercados de artesanía no Patio do Museo do Coiro e o de produtos da Reserva da Biosfera na praza de Abastos, foron un auténtico reclamo para atraer ós visitantes durante estes días festivos.
“O mercado de artesanía deixou un resultado moi positivo, tanto pola afluencia de xente como nas vendas”. Así mostraban o seu contento os expositores neste mercado, como tamén o facían os participantes no mercado de produtos da Reserva da Biosfera, celebrado todos os sábados “o balance foi positivo tanto resultado económico como pola oportunidade de dar a coñecer os nosos produtos”
No percorrido turístico pola vila non faltou a visita ás distintas instalacións da rede museística municipal que, para atender á demanda, ampliou o horario de visitas durante estes días. Máis dun millar de persoas visitaron os museos do coiro, xoguete e o muíño do burato.











