A Semana Santa de Ferrol consolidouse como primeiro destino turístico de Galicia
A Concellería de Turismo do Concello de Ferrol, que dirixe Diego Calvo Pouso, fixo hoxe balance da programación turística feita pola Administración municipal en torno á Semana Santa 2013. Unha oferta turística que, de novo, conseguiu o obxectivo que se marcou o goberno municipal que preside Jose Manuel Rey Varela: situar a Ferrol nos primeiros postos do listado de destinos turísticos de Galicia e do noroeste de España. Neste éxito foi fundamental a coordinación do Concello de Ferrol con outras Administración e entidades públicas –como a Deputación da Coruña, a Armada e Navantia-; e coa iniciativa privada. Así, dende o departamento municipal de Turismo agradeceuse a implicación activa na promoción da cidade que tiveron estes días empresarios, hostaleiros, comerciantes e confrarías da Semana Santa Ferrolá.
No que atinxe ás cifras, cómpre salientar o éxito que tivo, un ano máis, a Ruta da Construción Naval, que demostrou ser un complemento idóneo aos eventos relixiosos e desfiles procesionais da Semana Santa. Tamén destaca a cifra de visitas que tivo Equiocio, un total de 38.000 personas, consolidándose deste xeito como unha oferta de ocio moi demandada durante a Semana Santa Ferrolá. Ao fío da Ruta do Naval, un total de 378 persoas participaron nos grupos guiados que coñeceron, entre o xoves 28 de marzo e o domingo 31 de marzo, o complexo industrial e militar da ría de Ferrol formado polo Arsenal e Navantia. A estas cifras, hai que engadir o número de persoas que visitaron Exponav, que foi de 453.
Tamén tiveron un gran éxito de afluencia ao castelo de San Felipe, sendo un total de 293 as persoas que percorreron este fortín nas dúas xornadas nas que se celebraron visitas teatralizadas –os pasados días 29 e 30 de marzo-. Un éxito que se repetiu, así mesmo, coa oferta de viaxes en lancha pola ría e até o fortín de San Felipe, opción de ocio escollida por 500 persoas segundo os datos facilitados pola empresa que durante estes días prestou o servizo.
Oficina de Turismo
En canto ao número de persoas atendidas no punto de información turística do Concello de Ferrol, situado nas inmediacións da dársena de Curuxeiras, subliñar que esta Semana Santa houbo un aumento do 7% en comparación cos datos de 2012. Este incremento no número de persoas atendidas na oficina correspóndese, principalmente, con turistas internacionais e nacionais. A cifra de persoas procedentes doutras cidades e municipios de Galicia que recorren á oficina en demanda de informarción mantívose nuns datos semellantes ao mesmo período de tempo do ano pasado.
Así as cousas, o número total de persoas atendidas na oficina de Curuxeiras foi de 666. Desta cifra, 606 correspóndese con persoas procedentes doutras cidades de Galicia e de España; e o resto -60- a visitantes do estranxeiro. Por zonas de procedencia, destacan os turistas chegados de Madrid (138), Asturias (43), Valladolid (21) e Barcelona (20). Dentro de Galicia, o municipio de orixe predominante é Pontevedra (97). En canto á procedencia internacional: Portugal (15), Arxentina (11), Reino Unido (5) e Alemaña (4) e Francia (3), encabezan o listado.
Perfil dos turistas e motivos
A franxa de idade máis numerosa está comprendida entre os 31 e os 60 anos (475 persoas atendidas) e predominaron as parellas (146) sobre as familias (54). Así mesmo, as tres principais razón para visitar Ferrol foron, por esta orde: Coñecer o patrimonio (204), eventos (178), natureza (130) e gastronomía (114).











