A segunda edición de Surf Integración xuntará a medio centear de persoas con discapacidade psíquica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalLocal PortadaNigrán
A-
A+

O Club Surfeiros e a Federación Galega de Surf, en colaboración co Concello de Nigrán, organizan por segundo ano consecutivo unha nova xornada de surf integración, na que participarán medio centenar de usuarios da Fundación Menela, o centro de Educación Juan María e a fundación Igualarte.

A actividade, dirixida integramente a persoas con discapacidade psíquica, celebrarase o vindeiro xoves 2 de maio na Praia de Patos, a partir das  11.00 horas en dúas quendas de mañá e de tarde. O obxectivo principal desta actividade é axudar na medida do posible á integración deste colectivo, dando a coñecer o deporte do surf e axudándolles a desenvolverse mellor no medio acuático.

A organización formará grupos de tres ou catro acodes como máximo, que estarán supervisados en todo momento por dous monitores da súa contorna, así como por un instrutor de surf titulado, que ensinará aos participantes as nocións básicas deste deporte e como interactuar co medio mariño. Ademais do bautismo de surf, a actividade contará tamén coa práctica doutros deportes como fútbol ou voley-ball, co fin de gozar dun día de praia.

Pola integración

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, subliñou o valor social desta actividade, “que, a través da práctica deportiva favorece a integración das persoas con discapacidade, fortalecendo as súas relacións interpersoais e mellorando a súa participación en distintos ámbitos da sociedade”.

Así mesmo, convidou á organización a seguir traballando nesta dirección. “Pouco máis dunha semana despois dunha xornada de limpeza de praias organizada polo concello, na que participaron algunhas destas institucións convidadas a esta, reiteramos o noso apoio a este tipo de iniciativas, cuxas liñas de actuación baséanse na responsabilidade social, un compromiso e obrigación que todos os membros da sociedade temos tanto entre nós como para a sociedade no seu conxunto”, agregou. 

Efectos positivos

A participación das persoas con discapacidade en actividades deportivas incide de forma positiva na saúde e o desenvolvemento dos procesos de socialización e da personalidade, contribuíndo a mellorar a súa calidade de vida. A práctica de deporte favorece a estimulación cognitiva, sensorial e física, e facilita a adquisición de habilidades sociais, á vez que permite o establecemento dunha rede de relacións sociais, imprescindible para a inclusión social e a participación da persoa en diferentes ámbitos da sociedade. “En definitiva, as xornadas Surf Integración brinda a oportunidade a este colectivo de sentirse por primeira vez na súa vida como persoas normais”, conclúe. 

30 de abril de 2013 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.