A Rede Xiana 2 oferta accións formativas ralacionadas coa maquinaria industrial e o transporte
A Rede Xiana 2 é unha iniciativa impulsada pola Deputación Provincial da Coruña coa colaboración económica do Fondo Social Europeo e ten como propósito crear unha rede para a xestión integral da accesibilidade, novas tecnoloxías e adaptabilidade no mercado laboral galego.
O Concello da Laracha forma parte da zona 6 desta rede xunto aos municipios de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Malpica, Ponteceso e Santa Comba. Os laracheses teñen a posibilidade de participar en determinadas accións formativas específicas que están orientadas a dar resposta ás novas ocupacións de sectores emerxentes a nivel local e a adaptar o perfil profesional das persoas demandantes de emprego ás necesidades actuais do mercado laboral.
As accións formativas que se ofertan para a zona 6 da Rede Xiana superan as 500 horas de aprendizaxe teórico e práctico e están relacionadas co sector da industria e maquinaria (montaxe de estruturas metálicas e montaxe e posta en marcha de bens de equipo e maquinaria industrial) e o do transporte e loxística (operador de estiba/desestiba e desprazamentos de cargas).
Os laracheses que estean interesados en realizar estes cursos deben acudir á Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local. O prazo de inscrición remata o venres 3 de maio.











