A proposta teatral de “Gaivotas subterráneas” e Rockarballo nos Venres Culturais de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCarballoLocal
A-
A+

O programa Venres Culturais continúa a fin de semana do 19 e 20 de abril con dúas propostas de lecer ben diferentes: unha estrea teatral e a música do mellor pop-rock carballés. No primeiro caso, cóntase a historia de Nino Carpio, que traballa nunha empresa de seguros e busca a Mario -músico e amigo da infancia-, ao que lle propón unha estafa. O autor contemporáneo español Alfonso Vallejo crea unha desacougante atmosfera ao redor da relación entre estes dous vellos amigos que nos fai gozar dun duro combate entre dous recoñecidos actores galegos: Luís Iglesia B. e Xabier Deive. Só dous personaxes e altas doses de intriga, non exentas de humor acedo, para indagar nas paixóns e nas retortas da identidade do ser humano. O equipo de traballo desta produción está vinculado a tres empresas diversas que se alían para explorar novas relacións e formas de funcionar: RTA, Voz Audiovisual e Talía Teatro, que asume a dirección e versión da man de Artur Trillo. A cita é o venres 19 ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. A duración prevista do espectáculo é de 75 minutos, mentres que o prezo da entrada é de 4 € (3 € para maiores de 65, menores de 12 e persoas con carné de estudante).

Respecto do elenco de “Gaivotas Subterráneas”, Luis Iglesia é un dos actores máis recoñecidos polo público galego. O seu papel como Carmelo Matalobos na exitosa serie de Voz Audiovisual do mesmo nome consolida unha carreira na que destacan tamén series como “Terra de Miranda” ou “Un Mundo de Historias” e filmes como “Heroína” ou “Vilamor”, entre outros moitos traballos. Participou en propostas a nivel estatal como “Piratas” ou “La Fuga”, para Telecinco e filmes como “No soy como tú”. No Teatro ten traballado en compañías como Teatro do Aquí, Teatro do Atlántico, Volta e Dalle, etc. Xabier Deive é outro dos máis grandes actores da nosa terra que ademáis de ser coñecido pola audiencia galega por series como “Matalobos”, “Os Atlánticos” ou “A vida por diante”, ten traballado tamén no ámbito estatal en series como “Bandolera”, “Piratas” ou “De repente los Gómez” entre outras. No cinema destacan traballos como “El menor de los males”, “La Mujer del Anarquista”, “Conexao”, etc. Ten unha ampla experiencia teatral en compañías como Teatro Maltés, Uvegá, Ancora Teatro, Teatro do Morcego, o Centro Dramático Galego, etc.

A proposta dos Venres Culturais para a fin de semana complétase coa actuación musical da segunda cita do Rockarballo. Grupos veteranos xa consolidados no mundo da música e outros máis noveis danse cita neste concerto no que cada formación interpreta temas propios e tamén famosas versións, conseguindo un repertorio de estilo que vai dende o rock máis clásico, pasando polo soul ata o pop máis lixeiro. A duración prevista do concerto, no que participan desta volta The Cerme, Sweet, Strobos, Lowcos e Versión Imposible. A cita é o sábado 20 ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e a entrada é de balde ata completar o aforo. A duración prevista do espectáculo é de 90 minutos.

17 de abril de 2013 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.