A presidenta da Asociación Autismo Vigo ofreceu unha charla sobre este trastorno en Gondomar

Instante da charla-coloquio
O Centro Neural do municipio acolleu na tarde de onte unha charla-coloquio sobre o Trastorno do Espectro Autismo (TEA).
Fernando Guitián, alcalde do municipio, foi o encargado de abrir o acto no que tamén estiveron presentes Patricia Durán, concelleira de Benestar e Igualdade; Esperanza Domínguez, presidenta da Asociación Autismo Vigo e Santiago Santos, psicólogo da residencia de O Salgueiro de Autismo Vigo.
O público asistente, entre o que destacou a presenza de profesionais da docencia e persoal do Centro de Saúde, puido coñecer de primeira man, a través das intervencións de Esperanza Domínguez e Santiago Santos, o que supón convivir día a día co TEA.
Falar do espectro autismo, é referirnos a un trastorno da poboación infantil no que coñecer, tanto a súa detección e diagnóstico, coma os requirimentos que necesitan as persoas con TEA, son piares fundamentais para a implicación da sociedade con este colectivo.
Esperanza, nai dunha nena con este trastorno, recoñece que “estar afectado por TEA implica unha dependencia para toda a vida, polo que calquera tipo de axuda é benvida”. “Que as persoas se acheguen e coñezan a nosa realidade é o primeiro paso para aproximarse a un trastorno duro e diferente”, conclúe.
Tras a exposición de Esperanza Domínguez e Santiago Santos estableceuse un coloquio no que os asistentes puideron formular as súas preguntas e intercambiar impresións, resolver dúbidas e coñecer máis acerca deste trastorno.
Dende o Concello de Gondomar valórase moi positivamente esta charla que serviu para achegar aos veciños do municipio esta realidade cada vez máis frecuente, un trastorno de orixe descoñecida que afecta a 1 de cada 150 persoas.
Asociación Autismo Vigo
A Asociación Autismo Vigo nace en febreiro de 1999 da man dun grupo de nais e pais con fillos con TEA, co principal obxectivo de dignificar a vida das persoas con autismo.
Con sede en Vigo (Avenida Camelias, 108) tamén conta con presenza no municipio gondomareño.
A Residencia O Salgueiro, situada no barrio de O Salgueiro de Vincios, é froito da colaboración do Concello coa Asociación Autismo Vigo. Tras a cesión do edificio da antiga escola, a Asociación levou a cabo tarefas de rehabilitación co fin de crear unha vivenda destinada a persoas con diagnóstico de TEA. Na actualidade, a Residencia O Salgueiro oferta aos usuarios un fogar no que poder desenvolver unha vida digna e plena, acorde ás súas necesidades e posibilidades.
Ademais desta vivenda comunitaria, a Asociación Autismo Vigo conta cun viveiro na zona Feira do Doce, no que cultivan alimentos ecolóxicos.











