A Praza de Abastos sortea o venres os primeiros cheques compra para a clientela
A primeira fase da campaña “Presume de praceira e praceiro” organizada pola Dirección Xeral de Consumo en colaboración co Concello remata o venres co primeiro dos dous sorteos de cheques compra cos que os vendedores do Mercado Público de Vilagarcía agasallarán aos seus clientes. O compradores que nos últimos quince días depositaron as súas papeletas para a elección do mellor praceiro entrarán no sorteo dos bonos de 75, 50 e 25 euros para realizar compras entre os postos e establecementos da Praza de Abastos.
O sorteo terá lugar nas propias dependencias de Abastos o venres, 12 de abril, ás 12 do mediodía. Está previsto que asistan ao acto responsables da Dirección Xeral de Comercio e a concelleira de Mercados, Rocío Llovo, ademais da directiva da asociación de vendedores da Praza de Abastos e Aledaños. Os tres clientes agraciados cos bonos compra disporán de prazo ata o 31 de maio para trocalos por produtos en venta no propio mercado.
A campaña “Presume de praceiro e praceira” comezou o pasado 18 de marzo. Dende entón, os vendedores da sala de abastos entregan aos seus clientes boletos para votar ao seu vendedor preferido, cupóns que teñen que cubrir cos seus datos e depositar nas furnas existentes na Praza e que son os que entran no sorteo dos vales compra.
Na segunda quincena de abril desenvolverase unha segunda fase da campaña con outro sorteo a celebrar o 3 de maio. Posteriormente elixirase ao mellor parceiro e praceira do Mercado de Vilagarcía en función dos votos depositados polos clientes. A Dirección xeral de Comercio leva a cabo esta campaña nos 104 mercados públicos existentes en Galicia, entre os que finalmente escollerá aos mellores Praceiros do Ano da comunidade.
Esta iniciativa lévase a cabo a nivel autonómico e ten como obxectivo dinamizar e impulsar as ventas nas salas de abastos de Galicia e promocionar a profesionalidade e calidade do servizo e dos produtos comercializados nos postos tradicionais que se asentan nelas. Ademais, co sorteo dos cheques compra preténdese premiar á fidelidade da clientela dos mercados públicos así como atraer a novos compradores.











