A Policía Local súmase a unha campaña da DGT sobre control de motocicletas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O departamento municipal de Mobilidade e Seguridade Cidadá, a través da Policía Local, participa nunha campaña especial sobre control de motocicletas da Dirección Xeral de Tráfico que se poñerá en marcha a próxima semana, entre o 29 de abril e o 5 de maio.

O obxectivo desta campaña é a vixilancia e control de motocicletas para axudar a reducir o número de feridos e falecidos en accidentes de circulación, tendo en conta que na última década o parque de motocicletas se incrementou nun 94% e que, xunto cos ciclomotores, representan o 16% do parque automóbil español.

A participación do Concello da Coruña cobra importancia debido á maior utilización da motocicleta nos desprazamentos urbanos. Incidirase en aspectos como os adiantamentos antirreglamentarios, a caducidade da ITV, o non uso de casco e o exceso de velocidade, que son os principais factores de risco, así como a maior parte de infraccións cometidas por motoristas.

A campaña tratará de concienciar os condutores de motocicleta da súa vulnerabilidade, xa que na cidade se producen 2 de cada 3 accidentes en moto e en estrada 3 de cada 4 falecidos. Dende 2003 a 2011 o número de accidentes con vítimas en moto pasou do 10% ao 22% do total. Aínda así, o Plan de Seguridade Vial de Motos logrou, a través das súas accións, que entre 2008 e 2011 diminuísen os usuarios de moto falecidos tanto en estrada coma en zona urbana.

Neste sentido, a campaña insiste na necesidade de usar o casco grazas ao que aumenta nun 20% a probabilidade de saír ileso dun sinistro. Tamén se incide no cumprimento das normas sobre velocidade, alcohol e adiantamentos; en ter en regra o permiso de conducir e a documentación do vehículo, ademais de levar un equipamento axeitado. Medidas que axudan a minimizar os riscos e melloran a seguridade.

29 de abril de 2013 | 10:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.