A Policía Local de Vilagarcía desprazou coa grúa 596 vehículos e enviou ao desguace a 48 o pasado ano
O Departamento de Vehículos da Policía Local vén de comunicar a memoria de actividade levada a cabo durante o ano 2012. Neste período, a Grúa Municipal realizou un total de 596 desprazamentos de vehículos por diferentes razóns, como retiradas, enganches e traslados sen cargos. Ademais, o ano pasado inmobilizáronse 154 vehículos por causas como carencia de seguro ou alcoholemias positivas. Por último, no apartado de vehículos abandonados, o departamento policial completou 48 expedientes de automóbiles que foron enviados a desguazar.
A actividade da Grúa Municipal en 2012 respondeu na súa meirande parte a retiradas motivadas pola comisión de infraccións das normas de circulación, aínda que tamén se contabilizan neste apartado traslados e inmobilización por diversas causas. De feito, das 596 actuacións realizadas, 522 foron retiradas que inclúen os aspectos mencionados; 21 correspóndense a enganches e 53 aos denominados traslados sen cargos, como nos desprazamentos por obras, reservas de espazo, etc…, que non supoñen custe algún para os titulares dos vehículos. Nestes casos, os vehículos ni tan sequera se trasladan ao depósito, se non que se deixan nun estacionamento público a onde o propietario pode ir a recollelo en calquera momento.
As sancións motivadas polas retiradas e enganches realizados pola grúa municipal como consecuencia da infracción das normas de circulación ascenderon o pasado ano a 19.516 euros.
Outro dos conceptos da memoria do departamento de Vehículos é o que fai referencia ás inmobilizacións. En 2012, a Policía Local inmobilizou 154 automóbiles e motocicletas, sendo a principal causa das mesmas a carencia do seguro obrigatorio (104 casos), seguido das motivadas por alcoholemias positivas das persoas que os conducían (28). Nos 22 casos restantes, as inmobilizacións atenderon a causas diversas.
As inmobilizacións implican a aplicación dunhas taxas por inmobilización e por custodia ou días de depósito dos vehículos. Por estes conceptos, o pasado exercizo recadáronse 8.183 euros.
Iniciados 53 expedientes de abandono
O Departamento de Vehículos tamén se encarga de abrir e tramitar os expedientes de vehículos abandonados na vía pública e que causan problemas de limpeza, ornato e ás veces de salubridade ou seguridade. No ano 2012, a Policía iniciou un total de 53 expedientes de abandono, dos cales 12 continúan abertos. Os casos pechados concluíron coa remisión de vehículos ao desguace ou ben coa retirada por parte dos seus titulares tras recibir a notificación do inicio do expediente na que tamén se lles comunica as medidas que deben adoptar.
O pasado ano, a Policía Local enviou a desguace un total de 48 vehículos correspondentes a expedientes iniciados ese mesmo ano máis a algúns que xa se abriran en 2011. Estes casos procedían tanto de expedientes de abandono como de inmobilizacións, e concluíron coa destrución do automóbil ou motocicleta por terse producido a renuncia voluntaria dos seus titulares, ou por terse cumprido os prazos legais de publicación e alegacións sen que os propietarios se fixeran cargo dos mesmos. Unha vez pechados os expedientes coas resolucións de desguace, a Policía envía os vehículos a un Centro de Destrución e Descontaminación de Vehículos autorizado. O papel do departamento de Vehículos da Policía non remata aí, xa que tamén se encarga de tramitar a baixa dos vehículos na Xefatura Provincial de Tráfico, así como no Padrón Municipal de Vehículos.
Complexo trámite administrativo
A Policía Local leva a cabo dende hai anos una campaña para retirar os vehículos abandonados das rúas e espazos públicos do municipio. Cando se detecta un vehículo en estado de abandono e que leva moito tempo no mesmo lugar, ábrese o correspondente expediente de abandono, un procedemento largo e complexo. O primeiro paso é a identificación do titular a través das bases de datos da Dirección Xeneral de Tráfico. A continuación se lle notifica ao propietario o inicio do expediente. Se o titular non solventa a situación, o procedemento continúa. No caso de que a notificación non sexa posible por non localizar o enderezo do propietario, hai que proceder á publicación do anuncio e respectar os prazos previstos para continuar co expediente que resolva a destrución do vehículo.
Outras das circunstancias que se atopa a Policía Local e que demoran e complican a tramitación e peche dos expedientes de abandono son que os vehículos estean inmobilizados ou precintados por mandamentos xudiciais ou da Xefatura Provincial de Tráfico, causas relacionadas coa Seguridade Social, embargos…. Nestes casos, a Policía non pode completar o expediente ata que ditas causas conten con resolución.











