A Policía Local adopta un novo cuadrante de servizo con reforzo de axentes a pé

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O Concello de Culleredo impulsa unha reorganización do cuadrante da Policía Local tras a aprobación do convenio co persoal aprobado polo pleno o pasado xoves. Os cambios permitirán unha mellor atención, máis próxima aos cidadáns, potenciando as franxas horarias con maior necesidade.

O novo cuadrante, que se aplicará de inmediato, propiciará o traballo diario diúrno de dous ou tres patrullas. Isto propiciará o traballo de axentes a pé polas dúas principais zonas urbanas, O Burgo e Vilaboa, tanto pola mañá coma pola tarde.

Co reforzo do servizo diúrno, a Policía Local atenderá as entradas e saídas de todos os colexios públicos do municipio, garantindo a seguridade vial dos escolares. En canto ao servizo nocturno, se reforzará nos fins de semana, con dúas patrullas, manténdose o servizo das noites por semana.

A concelleira de Seguridade, Alicia Ferreiro, aposta pola “presenza continua” da Policía Local nas rúas para ter un contacto directo cos veciños e ofrecer toda a atención que requiren. Con esta medida impúlsase o labor de prevención da seguridade cidadá.

Nova unidade de atestados

Ferreiro e Dovigo co novo vehículo

Ferreiro e Dovigo co novo vehículo

Ademais, a Policía Local estrea unidade de atestados, dando resposta así a unha das principais necesidades de equipamento que tiña. Ferreiro e o xefe da Policía Local, Ricardo Dovigo, presentaron o novo vehículo.

A unidade, que estará equipada con sonómetro, etilómetro e ordenador para as oportunas tramitacións, mellorará a atención en caso de accidentes e os controis. Tamén se levará aos grandes eventos que cubra a Policía Local para dispoñer dunha oficina móbil para
a atención ao cidadán.

O vehículo foi obtido por un embargo decretado xudicialmente a un debedor co Concello. O goberno local, en vez de obter a contía correspondente, preferiu quedarse o vehículo e adaptalo para dispoñer desta nova unidade de atestados.

29 de abril de 2013 | 10:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.