A policía de Vilagarcía retirará os coches que incumpran a normativa nos párkings dos supermercados das Carolinas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A primeira medida posta en marcha mediante a colaboración do Concello cos supermercados Día e Lidl das Carolinas para erradicar a venta ambulante de coches dos aparcamentos de ámbalas superficies comerciais foi a habilitación da Policía Local para a retirada dos vehículos. O escollo xurídico que impedía que a Policía puidera actuar nos estacionamentos que, pese a ter uso público, son de titularidade privada, salvouse coa autorización dada ao Concello por cada unha das cadeas de alimentación para permitir que o guindastre municipal acceda aos párkings para levar os vehículos que incumpran calquera precepto da normativa en vigor, tanto local como autonómica ou estatal.

Este foi un dos asuntos tratados na reunión celebrada esta mañá no Concello para analizar dende diversas perspectivas a problemática que supón a proliferación da venta ambulante de coches que se anuncian nos estacionamentos destes supermercados, unha práctica de recente aparición e que causa prexuízos a diversos colectivos. Asistiron á xuntanza María Jesús García Suárez, responsable de Explotacións da cadea Día; Mario Varela, xerente de Inmobles de Lidl; José Manuel Simón, secretario da Asociación de Autónomos e Empresarios de Talleres de Reparación de Vehículos de Pontevedra; e Manuel Míguez, secretario de FECA. Por parte do Concello participaron o alcalde, Tomás Fole; o concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadá, Benito Pérez Dorgambide; un mando da Policía Local e a Secretaria.

O negocio da venta ambulante de coches en solo público é unha práctica irregular de recente aparición que se está a dar en toda España. No caso de Vilagarcía, os prexudicados directos son supermercados cuxos párkings son ocupados por vehículos que se anuncian en venta, que ven como as prazas de aparcamento que ofrecen aos seus clientes se ven reducidas por coches que as ocupan de xeito indefinido. Pero tamén os empresarios do sector da automoción sofren as consecuencias dada a competencia desleal que este tipo de negocio fai aos concesionarios e establecementos de venta de coches legalmente establecidos e que cumpren coas súas obrigas legais e fiscais.

A reunión de hoxe é a terceira que convoca o alcalde para tratar este asunto e buscar solucións entre todos os sectores e organismos implicados. As dúas primeiras foron encontros bilaterais entre o Concello e os responsables de cada un dos supermercados. Tras corroborar a completa disposición dos supermercados a colaborar e implicarse para poñer fin á problemática en cuestión, decidiuse convocar un encontro multilateral no que participasen tamén FECA e o colectivo de autónomos e empresarios de talleres de automoción a efectos de abordar o asunto dende todas as perspectivas posibles.

Na reunión tamén se avaliaron os resultados doas primeiras semanas da colaboración entre Concello e os supermercados, e que se traducen nun saldo de unha ducia de vehículos trasladados pola Policía Local ao depósito municipal por incumprimento dalgún precepto contemplado nas normativas aplicables. Cómpre salientar que en Vilagarcía está prohibida a venta ambulante, salvo nos casos especificamente recollidos na ordenanza correspondente, como son os mercadillos ou durante as festas. Para continuar por este camiño, a Policía tamén inspeccionará regularmente os aparcamentos dos supermercados para comprobar que os vehículos que se anuncian en venta están en regra e cumpren o establecido tanto no Código como na Ordenanza Municipal de Circulación.

Salvagarda do dereito dos particulares

Na reunión de hoxe tamén se falou de salvagardar o dereito dos cidadáns que, a título particular, e non como negocio, poñen á venta o seu vehículo. Para evitar confusións neste sentido, apuntouse a posibilidade de que os interesados soliciten autorización ao Concello, medida que vai a ser analizada polos servizos xurídicos e técnicos municipais.

Seguimento e avaliación

Os participantes na reunión de hoxe manifestaron a súa satisfacción pola iniciativa do Concello de poñer en común a todos os actores para terminar co problema da venta ambulante de vehículos e acordaron manter reunións periódicas para facer seguimento das actuacións levadas a cabo e avaliar os resultados.

12 de abril de 2013 | 15:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.