A Pobra do Caramiñal e Boiro fan unha solicitude conxunta de subvención ao Inega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra do CaramiñalBoiroLocalLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio entre A Pobra do Caramiñal e Boiro

Sinatura do convenio entre A Pobra e Boiro

O pasado 15 de marzo o INEGA publicou, mediante a Resolución do 7 de marzo do 2013, as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2013 de aforro e eficiencia enerxética para proxectos de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes nos concellos de Galicia. Nestas bases establecía que os concellos poderían formar agrupacións entre eles coa finalidade de obter unha minoración dos custos que levarían aparelladas as devanditas actuacións.

Deste xeito, os concellos da Pobra do Caramiñal e Boiro decidiron agruparse e tramitar a solicitude dunha subvención que beneficiase a ambos.

O orzamento total elévase aos 48.812,61 € (IVE incluído) e repártese como segue:

– Concello da Pobra do Caramiñal: 23.427,17 €. Logo facer unha auditoría enerxética o ano pasado, e tomando como base as pautas marcadas por esta, as actuacións a levar a cabo consistirán no cambio de luminarias e os seus sistemas eléctricos por outros que permitan un maior aforro de consumo eléctrico na parroquia de San Isidoro de Posmarcos, nos lugares de Vilas e Os Casás.

– Concello de Boiro: 25.385,44 €. As actuacións a levar a cabo consistirán no cambio de luminarias e os seus sistemas eléctricos por outros que permitan un maior aforro de consumo eléctrico na zona do Cemiterio municipal e no tramo da Avenida da Constitución que vai desde a rúa Compostela ata o parque da Cachada.

Unha das cuestións a ter en conta neste proxecto conxunto é a súa amortización xa que logrouse que quedara por debaixo dos 5 anos o que resulta moi beneficioso para ámbolos dous concellos.

Dada a actual situación, este tipo de actuacións conxuntas entre concellos é un bo xeito de buscar rendibilidade ás arcas públicas buscando a minoración dos custos que supoñen moitas veces a posta en marcha de certos programas ou proxectos.

Ámbolos dous concellos consideran moi interesante esta cooperación e non dubidan que, en adiante, chegarase a máis acordos puntuais mesmo con outros concellos da bisbarra que estean interesados.

16 de abril de 2013 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.