A piscina municipal da Ramallosa xa ten 200 abonados e 100 persoas anotadas para cursiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

Segundo os datos facilitados ata o momento pola empresa adxudicataria da piscina municipal da Ramallosa, Aquafit Gestión, neste momento xa hai 200 abonos dados de alta. As instalacións abríronse o 10 de abril aínda que polo momento só se pode realizar a pre inscrición e visitar as instalacións pero non usalas. Nestes días están colocando as máquinas do xinmasio, instalación da pista de pádel e multideporte e facendo labores de posta a punto de toda a maquinaria que supón unha infraestrutura deportiva destas características.

Segundo nos informan os 200 abonos poden ser ó redor de 300 usuarios reais, xa que os abonos familiares inclúen á parella e ós fillos menores de 18 anos, pero considérase un só carné. Outro dato destacable destes primeiros días son as 100 persoas anotadas para facer cursiños, que comezarán no mes de maio ou as 500 follas de inscrición recollidas por persoas que se achegaron ó mostrador.

O día 20 celébrase unha gran festa de apertura da piscina aberta a todas as persoas que queiran coñecer esta nova instalación deportiva municipal. Comezará ás 16:00 horas e a primeira parte da tarde estará máis pensada para os nenos con inchables acuáticos na piscina e tamén no exterior. Nesa xornada a intención é que se poidan usar xa os espazos deportivos con normalidade. Ó redor das 17:30 actuará o mago Gusi. Durante a tarde tamén se darán master class con sesións continuas de aeróbic, zumba, pilates, cicloindoor…

A piscina municipal da Ramallosa conta cunha planta principal de 1.700 metros cadrados. Nesta zona é onde está o elemento principal da instalación, o vaso de 300 metros cadrados. Ademais dos vestiarios, duchas e saunas na planta baixa está un ximnasio de 200 metros cadrados. Esta zona complétase coa recepción, despachos e salas de fisioterapia.

A planta do soto contará cunha pista multideporte e cunha pista de pádel. Tamén ten outra sala de usos múltiples no que xa hai instaladas bicicletas para impartir clases. A parte alta conta con un terceiro espazo polivalente de case 200 metros con vistas á piscina.

Ata o 19 de abril a instalación estará aberta para dar información e pre inscribirse nas distintas actividades. O horario de atención será de luns a sábado de 10:30 a 14:00 horas e de luns a venres de 17:00 a 20:30 horas. Pola súa banda entre o 22 e o 30 de abril a piscina xa comezará a funcionar no seu horario de inverno habitual. Será de luns a venres de 07:15 a 23:00 horas; os sábados de 09:00 a 14:15 e de 17:00 a 20:15 horas e os domingos de 09:00 a 14:15 horas.

Durante este mes de abril a empresa ten unha promoción de apertura. As persoas que se abonen ata finais de abril desfrutarán do mes de maio gratis.

16 de abril de 2013 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.