A piscina municipal da Ramallosa comeza a funcionar cunha festa de apertura o día 20 de abril

Vista das novas instalacións
O Concello de Teo e a empresa xestora das piscinas municipais traballan na posta en funcionamento da piscina municipal cuberta da Ramallosa, que comezará a funcionar cunha gran festa de apertura o sábado 20 de abril. Nesa xornada o acceso será libre e gratuíto. O horario da festa será de 16:00 a 21:00 horas. A idea é que as persoas que se acheguen poidan coñecer e desfrutar das instalacións. Deste xeito haberá inchables para os máis pequenos na piscina e no exterior, a actuación do mago Gusi Domarco, así como clases de aeróbic, zumba, pilates…
Está previsto que dende o 20 de abril comece a funcionar a instalación completa que conta ademais de coa piscina, cun espazo para o ximnasio, outro local para clases de fitness, ademais dunha pista de padel e outra multideporte no soto do edificio.
Aínda que o 20 de abril será o acto máis vistoso as persoas que teñan interese en achegarse á instalación poderano facer dende o 10 de abril. Segundo informa a empresa concesionaria, Aquafit Gestión, entre os días 10 e 19 de abril a instalación estará aberta para dar información e preinscribirse nas distintas actividades. O horario de atención será de luns a sábado de 10:30 a 14:00 horas e de luns a venres de 17:00 a 20:30 horas. Durante estas xornadas, antes do día da festa de apertura, non se poderán utilizar as instalacións.
Pola súa banda entre o 22 e o 30 de abril a piscina xa comezará a funcionar no seu horario de inverno habitual. Será de luns a venres de 07:15 a 23:00 horas; os sábados de 09:00 a 14:15 e de 17:00 a 20:15 horas e os domingos de 09:00 a 14:15 horas.
Dende o 20 de abril ata finais de mes a instalación terá xornadas de portas abertas. Funcionará de xeito habitual e con todos os servizos pero o acceso será libre e gratuíto tanto á piscina como ó ximnasio e ás actividades ofertadas: aeróbic, pilates, cicloindoor…
A programación de cursos comezará xa dende o 1 de maio, polo que dende o 10 de abril as persoas interesadas en anotarse ou solicitar información xa se poden achegar á piscina.











