A OMIX de Ortigueira xestiona xa a inscrición para mozos nos campamentos de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

A Oficina Municipal de Información Xuvenil, dependente da Concellaría de Participación Social, tramita dende esta semana a solicitude de prazas dentro do programa Campaña Verán 2013, organizado pola Xunta de Galicia, que inclúe actividades de animación sociocultural destinadas aos mozos galegos no ámbito do ocio e do tempo libre.

Este plan xeral de actividades contempla, entre outras propostas, campamentos e actividades de natureza e náutica (sendeirismo, multiaventura, piragüismo, vela…), a música ou o teatro en Galicia e noutras comunidades autónomas, sempre en quendas de entre oito e doce días, e durante os meses de xullo e agosto.

Os participantes, que deben ter idades comprendidas entre os nove e os dezasete anos, poderán participar nun completo programa de actividades recreativas, formativas e de convivencia. Tamén dispoñerán de servizos como o aloxamento en aloxamentos xuvenís, manutención en réxime de pensión completa, ou atención sanitaria en caso de accidente, ademais de transporte dende Compostela se o destino elixido é un albergue de fóra de Galicia.

O prezo varía segundo a actividade, oscilando en todo caso entre os 101 e os 293 euros, con descontos do 50% para familias numerosas e do 25% para os que dispoñan do Carné Xove. O período de inscrición finaliza o próximo 17 de abril, e a adxudicación de prazas será directa se a demanda é inferior á oferta e por sorteo no resto de situacións.

Os orteganos interesados en inscribirse ou recibir máis información terán que dirixirse á OMIX de Ortigueira, situada no Centro Social da vila.

2 de abril de 2013 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.