A Oficina de Turismo do Grove proporcionou información a 584 persoas en Semana Santa
En canto ao perfil do turista, predominan as parellas novas e tamén as familias, aínda que en menor cantidade. O 86% dos enquisados son españois e na súa maioría proveñen das comunidades autónomas de Madrid, seguidos polo País Vasco e Castela e León. Os galegos supoñen un 9% do total de persoas que acudiu á Oficina de Turismo e, polo xeral, procede das provincias da Coruña e Pontevedra. En canto á xente doutros países, supuxo esta Semana Santa un 5% do total, predominando sobre todo os visitantes do noso veciño Portugal, e tamén Venezuela.
Por norma xeral, o transporte escollido esta Semana Santa para visitar o noso municipio foi o coche. O hotel destaca por enriba do resto como o tipo de aloxamento elixido polos nosos visitantes á hora de pasar a noite na nosa poboación, seguido polos apartamentos de aluguer. Así mesmo, predominan as estanzas duns catro días, aínda que hai unha porcentaxe significativa de visitantes que pasaron a noite entre un e tres días, xa que ían cambiando o seu lugar de aloxamento.
Dos 584 visitantes que se atenderon na Oficina de Turismo, un 38% elixiron o Concello do Grove como lugar de aloxamento.
Finalmente, o 35% dos visitantes que viñeron xa estiveran no noso municipio e para o 65% restante era a primeira vez. O motivo polo que se inclinaron a visitar o municipio foi principalmente a natureza, destacando ademais a nosa cultura e gastronomía.











