A Nikelharpa visita o Palco Aberto da Aula Folque infantil de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalPontevedra
A-
A+

Aula Folque Infantil de Pontevedra acollerá o venres 26 de Abril a visita dun instrumento enormemente singular e pouco coñecido en Galiza: A Nikelharpa. A actividade atópase inscrita dentro do ciclo Palco Aberto de AFI: un programa de visitas didácticas abertas non só ao alumnado habitual senón tamén ás súas familias, amizades así como a toda persoa interesada.

A partir das 18:00 Aula Folque Infantil terá a oportunidade de coñecer un instrumento moi peculiar, que a pesar de ser popular noutros puntos de Europa, especialmente nos países nórdicos, en Galiza segue a ser un grande descoñecido. O aspecto exterior da Nikelharpa recórdanos ao violín, xa que é un instrumento de corda e fai uso dun arco. Pero se nos fixamos no mastro veremos nel unha serie de teclas que nos transportan inmediatamente á forma dunha zanfona.

O son deste instrumento é semellante ao dunha viola, mais se escoitamos con atención detectamos un eco especial, unha sonoridade envolvente que nos transmite certa espiritualidade, solemnidade. Este eco é froito da vibración dunha serie de cordas chamadas “simpáticas”, é dicir, que soan espontáneamente por “contaxio” da vibración das cordas frotadas polo arco, sen necesidade de seren percutidas ou tocadas dunha ou outra maneira.

As primeiras novas que temos sobre a existencia deste instrumento son representacións e forma de relieve que se poden observar en igrexas de Suecia, Dinamarca e Italia antes do 1500.  A pesar de conservar a popularidade en algúns lugares de Suecia, a Nikelharpa a principios do século perdera protagonismo e non gozaba de grande número de tocadores en Europa. É a partir dos anos 60 e 70 cando o instrumento atopa o seu momento de rexurdimento grazas a artesáns e músicos, entre os cales se atopa a figura destacada de Marco Ambrosini.

Para as persoas interesadas na presentación do instrumento, a actividade será ás 18:00 no Antigo Conservatorio de Pontevedra, lugar habitual de clases de AFI. Estará guiada por un dos poucos tocadores galegos de Nikelharpa: Xan Manoel Aparicio. Consistirá na explicación do instrumento, tanto a nivel histórico como a súa morfoloxía, a continuación o público poderá escoitar o seu curioso son, a modo de pequeno concerto, e finalmente os mesmos participantes poderanse achegarse, observalo de preto e intentar manipulalo.

25 de abril de 2013 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.