publicidade hoxe

A Mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego” chega a Dodro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioDodroLocal
A-
A+

O Concello de Dodro acolle dende o martes 16 de abril a mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”, promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A mostra estará instalada no CIP Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro.

A exposición leva en itinerancia polos concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. dende abril do 2011, no que fixo medio século da publicación en Bos Aires de Memorias dun neno labrego, a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas (na actualidade xa está dispoñible en 17 idiomas e en preparación a edición en xaponés).

O obxectivo desta acción é ofrecerlle á cidadanía galega un achegamento de primeira man á traxectoria do libro, Memorias dun neno labrego e, asemade, un percorrido pola vida do autor da obra, o escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas.

A exposición permanecerá aberta ao público no CIP. Eusebio Lorenzo Baleirón ata o luns 22 de abril, data na celebrará o acto oficial de clausura e no que participarán Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Valentín Alfonsín, alcalde de Dodro e Neira Vilas, autor homenaxeado. Como peche da mostra o escritor e o alumnado do citado centro de ensino manterán un encontro no que intercambiarán impresións sobre a obra Memorias dun neno labrego e o  personaxe principal da mesma, Balbino.

Por medio desta actuación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Dodro queren seguir dinamizando a lingua a través das nosas letras e tamén impulsar o gusto pola lectura entre a cidadanía, nomeadamente entre as persoas máis novas, redescubrindo a que xa é unha das pezas máis emblemáticas da literatura galega.

15 de abril de 2013 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.