A mostra do “Centenario do Ferrocarril Betanzos–Ferrol” conmemora a primeira liña que uniu os concellos

Instante da inauguración
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Participación dirixida por José Manuel Vilariño, estivo presente esta mañá no acto de inauguración da exposición “Centenario do ferrocarril Betanzos-Ferrol. Historia e patrimonio” no Centro Sociocultural Novacaixagalicia da cidade naval. A proposta expositiva que conmemora o centenario da primeira liña de ferrocarril que uniu os concellos de Betanzos e Ferrol estará ata o vindeiro 30 de maio, de luns a sábado de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas na sala de exposicións do Centro Sociocultural.
A mostra acolle unha importante colección de fotografías datadas entre 1898 e 1980; ademais de maquetas, máquinas expendedoras de billetes antigas, uniformes, placas das locomotoras, estación, vagóns da liña, diferentes pezas históricas procedentes do Museo da Asociación Ferrolterra de Amigos do Ferrocarril (AFAF) e procedentes doutras asociacións vinculadas ao ferrocarril; e un audiovisual coas primeiras imaxes da liña Betanzos- Ferrol cedido polo Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), da Xunta de Galicia. Todo este material vén contar como o 5 de maio de 1913 se inaugurou a liña de ferrocarril que percorría o golfo Ártabro, que bañaba as rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol. Nos seus comezos era pública, xestionada polo Estado e non procuraba beneficios, pero, co paso do tempo e coa Guerra Civil de por medio, RENFE asumiu a súa xestión no ano 1941 e a liña tomou un cariz máis comercial e pasou a ser máis parecida ao que hoxe coñecemos.
A exposición enmárcase nun proxecto máis amplo que conmemora o cen aniversario para o que AFAF programou conferencias, mesas redondas e viaxes en tren conmemorativas. O proxecto completase cunha serie de obradoiros para escolares e visitas guiadas para público xeral que o Servizo Educativo de Novacaixagalicia programou co obxectivo de achegar aos máis pequenos, dun xeito lúdico, a historia da súa zona e o nacemento das primeiras liñas ferroviarias, ademais de dar a coñecer ao público o contexto no que nace o ferrocarril Betanzos-Ferrol. Os obradoiros que se ofertan son: “Viaxeiros ao tren”, orientado ao primeiro ciclo de educación primaria, consistente dunha visita taller que os levará ao mundo das locomotoras de vapor e diferentes medios de transportes; “Historias dun tren”, programado para segundo e terceiro ciclo de primaria e primeiro da ESO, levará aos rapaces e rapazas ao pasado da man das historias que gardan os centos de obxectos que viron nacer o Ramaliño, situaranse en 1913, no propio ano da inauguración; e “Centenario do ferrocarril Betanzos-Ferrol, 1913 – 5 de maio 2013”, para o segundo ciclo da ESO, bacharelato e ciclos formativos, que levará aos estudantes a dar un paseo pola historia recente do noroeste galego e a facer unha análise da mellora das comunicacións. AFAF proporcionará o transporte a todos aqueles centros que desexen acudir cos seus alumnos a estes obradoiros. A reserva da praza pódese facer a través do teléfono 981 33 02 80.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Ferrol -entre outros-, xunto con RENFE Operadoras, Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, Novacaixagalicia e a propia AFAF.











