A mellora da estrada de Campelo comezará en canto Poio xestione a cesión dos terreos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPoioPontevedraProvincias
A-
A+
Rafael Louzán con Ángel Moldes

Rafael Louzán con Ángel Moldes

A Deputación de Pontevedra entende como unha prioridade a mellora da estrada que une o centro de saúde de Anafáns co núcleo urbano de Campelo. Así llo trasladou o presidente desta administración, Rafael Louzán, ó voceiro popular en Poio, Ángel Moldes, a quen lle anunciou que a Administración provincial está en plena disposición de abordar estas obras no mesmo momento no que o Concello poña a disposición os terreos necesarios para as obras e achegue a parte de financiamento que lle corresponda.
O voceiro popular pedira esta xuntanza co obxectivo, precisamente, de interesarse polas posibilidades de actuar no menor prazo posible para mellorar a seguridade viaria nesta estrada e analizar outros investimentos da Deputación no Concello de Poio.

Moldes explicoulle ó presidente provincial que a estrada de Campelo “é unha necesidade imperiosa dado que é unha das poboacións que máis medrou nos últimos anos” e onde é moi necesaria a creación de beirarrúas para garantir a seguridade de condutores e peóns, algo co que o presidente da Deputación se amosou plenamente de acordo.
Louzán incidiu en que estes traballos se realizarían seguindo o mesmo modelo que se aplicou noutra “obra tamén moi relevante realizada en Poio”, como é a executada en Besada, no vial que baixa á estrada de Lourido, polo que tan só están pendentes de que o Concello cumpra coa súa parte.

Obras de saneamento

Outro dos temas analizados no encontro foi o estado actual das obras do Plan de Investimentos da Deputación, que se centrarán no saneamento, recollida de pluviais, abastecemento e pavimentación na rúa Oliveira, cun orzamento de 115.523,66 euros, e na posta en marcha da rede de saneamento na Puntada (cun investimento de 73.288,90 euros).

Louzán informoulle ó voceiro popular que está previsto que en breve saian a licitación as dúas obras para poder comezalas pronto.

Ángel Moldes valorou o compromiso amosado ata o de agora pola Deputación co Concello de Poio e pediulle ó presidente provincial que se manteña o ritmo de investimentos, reiterando que a Deputación é a administración que máis inviste en Poio.

Neste sentido, subliñou os investimentos realizados na mellora de numerosos viarios, coma os camiños de Pé da porta, de Tarrío, Caneliñas, Pereiro, Do Souto, Braxilde, Granxa ou Avenida Covelo; as actuacións en materia deportiva, coma o acondicionamento da zona deportiva das pistas de tenis de Raxó, ou a construción e instalación dunha pista multideportes en Ferreirós, entre outras.

18 de abril de 2013 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.