A Laracha súmase ao convenio de colaboración da Xunta, Fegamp e CGPJ sobre desafiuzamentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello da Laracha adherirase ao convenio de colaboración acordado entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) en materia de detección de supostos de persoas ou familias en risco de exclusión social afectadas polo desafiuzamento da súa vivenda.

O acordo ten por obxecto establecer un protocolo sobre as actuacións a desenvolver e o xeito de actuar no caso de que se detecten circunstancias sociais especiais dunha familia ou persoa afectada por un desafiuzamento derivado dun procedemento de execución hipotecaria ou dun xuízo por falta de pago da renda.

O convenio establece que no caso de que calquera tipo de razón supoña a conveniencia da actuación por parte dos servizos sociais comunitarios, esta sexa comunicada do xeito más rápido posible ao organismo competente para que, no caso de cumprir os requisitos, poidan incluírse no programa de realoxamento de afectados por execucións hipotecarias xestionado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.

En definitiva, trátase de que, en determinados casos, se dea unha resposta sensible e axeitada, no marco da normativa vixente, ás persoas en situación de especial risco de exclusión, pensando incluso na aplicación do Código de Boas Prácticas Bancarias ou do Real Decreto Ley 27/2012 de medidas para reforzar a protección dos debedores hipotecarios.

Precisamente a colaboración municipal consistirá en detectar supostos de vulnerabilidade con ocasión do lanzamento da vivenda familiar e informar deles na procura dunha actuación inmediata.

O luns da próxima semana, día 15 de abril, o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de servizos sociais, Rocío López, asistirán á reunión explicativa sobre este convenio que se desenvolverá na Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, que contará coa presenza de Alfonso Rueda –Vicepresidente da Xunta de Galicia-, Beatriz Mato –conselleira de Traballo e Benestar- e José Manuel Rey -presidente da Fegamp-.

 

12 de abril de 2013 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.