A Laracha e Arteixo presentan ao Inega un proxecto conxunto sobre aforro enerxético
Os Concellos da Laracha e de Arteixo presentarán un proxecto conxunto ao Instituto Enerxético de Galicia (Inega) no marco da nova convocatoria de subvencións para actuacións dirixidas a renovar as instalacións de iluminación pública exterior, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado día 15 de marzo.
Durante os últimos días os alcaldes de ambos municipios, José Manuel López Varela e Carlos Calvelo, acompañados por concelleiros dos grupos de goberno e por persoal técnico, mantiveron reunións para consensuar o contido do proxecto común, que ten un orzamento total duns 115.000 euros.
A Xunta de Goberno de Arteixo xa acordou esta mañá dar luz verde á solicitude conxunta de participación na convocatoria de axudas do Inega. A Laracha realizará o mesmo trámite administrativo na próxima sesión, prevista para o luns da semana que vén, día 15 de abril.
No caso do Concello da Laracha, as actuacións incluídas neste proxecto son a renovación das luminarias e dos báculos do alumeado público en dous tramos da Avenida Fisterra na capital municipal: un sería desde a confluencia desta vía principal coa rúa Santa Lucía e ata o cruce coa rúa Eusebio Bértoa Queijo (saída do casco urbano da Laracha en dirección Carballo); o outro tramo vai desde o entronque da Avenida Fisterra coa rúa Baldomero Fraile e ata despois do núcleo de Cillobre (saída do casco urbano da Laracha en dirección Paiosaco).
Entre os dous tramos preténdense renovar, por razóns de antigüidade, máis dunha trintena de puntos de luz cun investimento que levaría consigo un dobre beneficio: melloraríase a iluminación nesas zonas residenciais e reduciríase o consumo eléctrico e, por tanto, os custos do servizo por ser a nova instalación máis eficiente enerxeticamente.
A colaboración entre os gobernos de Arteixo e A Laracha permitirá a ambos municipios aumentar as súas posibilidades de acceder ás axudas convocadas polo Inega xa que, atendendo ás directrices da Xunta de Galicia, a agrupación de concellos para prestar servizos relacionados coa iluminación pública será un importante criterio a valorar á hora da concesión das subvencións.
Esta cooperación non é nova, xa que as boas relacións existentes posibilitaron, durante os últimos meses, traballar conxuntamente no deslinde, en materia de comunicacións viarias e na prestación de servizos á poboación –principalmente, saneamento e abastecemento de auga- en zonas limítrofes.











