A laracha celebra o “mes do libro” con 3 obras de teatro infantil
O día 23 de abril celébrase en todo o mundo Día Internacional do Libro, sendo unha data programada co obxectivo de fomentar a lectura, especialmente entre os nenos. É tamén por ese motivo que abril é considerado como o “Mes do libro”.
O Concello da Laracha celebrará o “Mes do libro” con tres obras de teatro infantil que se desenvolverán durante os tres próximos venres a partir das 18.00 horas na Casa da Cultura da capital municipal, sendo a entrada libre e gratuíta para todas as persoas empadroadas no municipio.
A compañía coruñesa Teatro del Andamio será a encargada de poñer en escena os tres espectáculos, sendo producións orixinais nas que certos clásicos da literatura infantil serven de base para crear a historia.
O ciclo abrirase o 19 de abril coa obra titulada Miau, dirixida a nenos de entre un e catro anos de idade.
O 26 de abril escenificarase A verdadeira historia da cigarra e a formiga, un espectáculo para nenos de entre catro e nove anos que ten recibido premios de teatro a nivel internacional polo seu vestiario e a súa música orixinal.
Por último, o 3 de maio haberá outra versión dun clásico. En A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz, destinada a nenos de tres a nove anos de idade, faise unha visión actual do conto baseada na igualdade e na solidariedade e na que os protagonistas son dous porquiños e a súa irmá, unha porquiña moderna.











