A “I Andaina Solidaria en Familia” recadará fondos para a construción de pozos de auga en Níxer
Os departamentos de Educación Familiar e Deportes do Concello de Verín, xunto con UNICEF España, programan a primeira edición da ‘Andaina Solidaria en Familia’, que terá lugar o vindeiro sábado 11 de maio e está destinada a recadar fondos para axudar na construción de pozos de auga en diferentes localidades de Níxer.
Esta iniciativa está pensada para toda a familia, desde os máis pequenos aos maiores -non hai límite de idade para a súa participación-, e os/as menores poden realizar esta andaina en mochila ou carrito. A saída será ás 17.30 horas desde o Pavillón Municipal de Deportes de Verín, e cun total cinco quilómetros os/as asistentes desprazaranse ata Cabreiroá (rúa Infistela), Lonxa Agropecuaria, Sousas (rúas San Antón e Camiño Vello de Sousas) e Fonte do Sapo (rúa San Pedro e N-525), onde se realizarán xogos cooperativos para os/as participantes e os/as nenos/as tamén contarán con inchables.
Para participar na ‘I Andaina Solidaria en Familia’, é necesario formalizar inscrición previa no departamento de Educación Familiar en horario de mañá (Casa da Xuventude, Avenida de Portugal, 11 bis, no correo electrónico educadorafamiliar@verin.net ou teléfono 988-414776) ou no Pavillón Municipal de Deportes de Verín durante a tarde (correo electrónico pavillon@verin.net ou teléfono 988-411140).
A retirada de dorsal terá lugar o propio día 11 de maio, ás 17 horas -os/as participantes tamén recibirán avituallamento-, no propio Pavillón de Deportes, onde estará instalada unha urna na que se poderán realizar doazóns, que serán destinadas de modo íntegro para ‘Gotas para Níxer’, unha campaña de mobilización escolar en apoio ao programa de supervivencia infantil que UNICEF desenvolven en Níxer. Devandito programa ten coma obxectivos principais promover o acceso a auga potable e a un saneamento axeitado do 60% da poboación, erradicar a poliomielite e eliminar as tétanos maternas e neonatais, elevar ata un 40% o número de partos atendidos por persoal cualificado e reducir o índice de desnutrición crónica infantil por debaixo do 25%.











