A fotógrafa Mónica Noya expón a súa “persoal” visión sobre como “Vivir do mar” no Pazo da Cultura

Monica Noya na inauguración
A fotógrafa santiaguesa afincada en Carballo Mónica Noya Pérez expón na sala do andar -1 do Pazo da Cultura a mostra titulada “Vivir do mar”. Trátase dun proxecto académico que a artista realizou para a Escola de Artes Pablo Picasso e que pretende descubrir “o día a día e o modo de vida dunha vila costeira”, nas propias verbas de Noya. A mostra consta de 23 instantáneas de carácter documental sobre a actividade do sector pesqueiro en Malpica, e a fotógrafa a descrebe como unha aposta “moi persoal” e tamén como unha maneira de homenaxear ás persoas que aparecen nas imaxes, algunhas delas, como Manolo “con moito mérito despois de 45 anos traballando no mar”. Trátase dun documento gráfico que para esta santiaguesa “de interior” xurdiu froito da “curiosidade” e co obxectivo de “mostrar a realidade sen ningunha distorsión”, valorando a mostra dende o punto de vista da “intensidade humana e social”, máis que a través da estética. É a segunda ocasión en que estas fotografías ven a luz en forma de exposición, xa que a primeira vez amosáronse en Malpica porque, como di a propia autora, “creo que llo debía” como agradecemento pola colaboración e a acollida da vila mariñeira, na que traballou varios días en embarcacións, na lonxa ou cos percebeiros. Pode visitarse de 18.00 a 21.00 horas até o 10 de maio.
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que acompañou á fotógrafa durante a inauguración da exposición, ao igual que a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, e outros membros da corporación ademais de veciños e veciñas, quixo agradecer que Mónica Noya escollera o Pazo da Cultura para “compartir as súas creacións”, un espazo que está reservado para a creatividade e para “as diferentes expresións artísticas, incluída a fotografía”. Ferrero quixo subliñar a grande “vitalidade das vilas mariñeiras” e especialmente de Malpica e desexou que a exposición permita “trasladarlle á xente a intensidade vital da Costa da Morte”, xa que “Carballo non se entende sen a Costa da Morte e a Costa da Morte non se entende sen Carballo”. Nas súas verbas tamén lembrou á xente do mar, “que achega a súa entrega” cada día. Finalmente, para Mónica Noya “o meu maior desexo é espertar a admiración por aqueles que descoñecen este mundo entregado ao mar e para que os que forman parte deste ‘modus vivendi’ vexan neste documental unha pequena homenaxe dedicada a eles”. Os interesados e interesadas en obter máis información, poden consultar a páxina web www.monicanoya.com.











