A Festa Hortera de Porto do Son rexurde en maio cun Baile de Primavera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalPorto do Son
A-
A+

A organización da Festa Hortera de Porto do Son convida aos veciños da vila, de tódalas súas parroquias, aos dos pobos da redonda e a todo aquel e aquela que teña ganas de festa a un moi necesario Baile de Primavera, tralo longo inverno que vimos de deixar atrás.

O baile celebrarase o vindeiro sábado 4 de Maio na Sala Aquarium en Xuño (Porto do Son). Con esta iniciativa, a organización trata de recadar fondos para a celebración da propia Festa Hortera que terá lugar na vila sonense o próximo 3 de Agosto. A Festa, que vai xa pola súa XIV edición, autoxestiónase grazas a este tipo de actos, coa axuda do Concello de Porto do Son e a colaboración dos negocios locais.

Logo duns meses marcados pola choiva e os nubeiros, a organización da Festa Hortera de Porto do Son organiza este orixinal evento co que poderemos celebrar o cambio de estación e desoxidar o esqueleto a ritmo de rock and roll.

Se algunha vez soñaches con ser Danny Zucko ou Sandy Olson esta é a túa oportunidade de cumprir o teu soño, xa que o Baile de Primavera rende homenaxe a unha das xoias do “horterismo” cinematográfico internacional: a película Grease, protagonizada polos inesquecibles John Travolta e Olivia Newton-John.

Así que xa podedes empezar a remexer nos faiados á busca dunha estreita chupa de coiro ou unha alegre saia con voo; preparade o fixador do pelo e mais a laca para os cardados, que en Xuño está xa todo preparado para retroceder, durante unha noite, aos anos 50.

Coma nun gran guateque de fin de curso haberá moita música, baile, ponche, elección do Rei e a Raíña, e moitas outras sorpresas que han facer desta festa o evento máis soado da tempada. ¿Estás disposta/o a perdelo?

E para que ninguén se preocupe de ter que coller o coche, a organización do baile activará un servizo de autobús-lanzadeira a prezo moi popular. Os autobuses sairán de Noia e Ribeira destino Xuño e, á inversa, de Xuño a Noia e Ribeira, parando a recoller en cada parroquia ás Pink Ladies e T-Birds que queiran ir de dancing.

Para os máis espabilados/as, están xa á venda as entradas anticipadas:

Pack (bus + entrada + copa): 8 euros

Entrada simple (sen bus nin consumición): 3 euros.

Ademais, poderanse mercar entradas na taquilla, o mesmo día da festa, ao prezo de 5 euros.

Os puntos de venda das entradas anticipadas son os que seguen: Porto do Son (O Axexo, O Cruceiro, Taíta e Caribe), Queiruga (JF15), Xuño (Taberna de Nica), Noia (Jara e News) e Ribeira (Samba, Capri, Covering, Nirvana e Arimoka).

Para máis información, sobre os puntos de venda e os horarios dos autobuses, estade atentos á información que irá aparecendo no perfil de Facebook da FH e, de igual forma, podedes contactar coa organización do baile a través do enderezo festa.hortera@facebook.com.

XIV edición da Festa Hortera

A festa máis divertida, orixinal e “tola” de toda a comarca celebrará este ano a súa XIV edición.

Neste alegre Antroido de verán, dirixido a tódolos públicos, trunfan a música disco, as perrucas afro, as plataformas e mais os abelorios. Ademais, o programa da FH inclúe cada ano un espectacular e colorido pasarrúas, divertidas actuacións dos veciños na praza da vila, premios aos participantes máis orixinais e un gran concerto na explanada portuaria, ademais doutras sorpresas que se han facer públicas no seu momento.

Non esquezades marcar no voso calendario festeiro o sábado 3 de agosto, xa que a edición da Festa Hortera deste ano ha ser memorable. ¡Como todas!

24 de abril de 2013 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.