A feira de segunda man de Teo contará con recollida de alimentos para o banco veciñal de alimentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

A Concellaría de Benestar e as Mulleres Rurais de Teo, Aspamite, a asociación Cruceiro do Monte, Teenses pola Igualdade e a asociación recreativa San Francisco organizan unha feira de segunda man este sábado 13 de abril na Casa Común de Rarís. O horario de funcionamento será entre as 12:00 e as 20:00 horas.

Dende o Departamento de Benestar, dirixido por Ignacio Iglesias, destácase que durante todo o día se fará unha recollida de alimentos destinada ó Banco Veciñal de Alimentos de Teo. Este banco funciona dende hai meses a través do programa de Voluntariado municipal e está facendo repartos semanais a varias familias. Conta coa colaboración de varias firmas comerciais do Concello. Nesta ocasión queren facer un chamamento ós particulares que xa teñen amosado noutras ocasións a capacidade de reaccionar ante este tipo de peticións.

Dende o Concello tamén se aproveitará a feira para pór á venda, a prezos simbólicos, parte dos xoguetes recollidos en Nadal por Protección Civil xa que non se puideron entregar todos por non ser necesarios. Tamén se venderá parte do fondo do roupeiro municipal e os cartos recadados serán entregados a Aspamite e ó Banco Veciñal de Alimentos a partes iguais.

Pola súa banda o resto das asociacións quedarán cos cartos ingresados polas súas propias vendas de cara a colaborar cos seus gastos de funcionamento. Segundo nos informan dende o movemento asociativo na feira poderanse mercar cousas usadas moi diferentes, que van dende mobles, lámpadas, xoguetes, roupa, libros, artesanía…

Durante a tarde do 13 de abril están previstas actividades de animación. A Asociación Recreativa Cultural Os Tilos organizará talleres para os máis pequenos. E dende Benestar planificouse un photocall para darlle unha nota de humor a esta xuntanza. Deste xeito entre as 16:00 e as 20:00 horas as persoas que o desexen serán fotografiadas con algunha mensaxe positiva e coas cousas que mercaron. Estas imaxes,  unha vez as persoas o autoricen o seu uso, publicaranse na páxina de facebook do Concello de Teo.

Esta iniciativa xa se realizou anterioremente en Teo cunha boa aceptación e numeroso público interesado na feira. As persoas que queiran doar materiais para vendelos poden poñerse en contacto con algunha das asociacións. E para participar con posto de venda deben contactar cos Servizos Sociais no seguinte correo electrónico: servizossociais@concellodeteo.com.

9 de abril de 2013 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.