A Feira da plantación de San Sadurniño reunirá 31 expositores da comarca

Presentación da Feira da Plantación
O próximo 28 de abril San Sadurniño acollerá a XVIII edición da Feira da plantación coa que se busca promocionar a produción e a comercialización agrícola da zona xunto coas posibilidades de sesenvolvemento sustentable do medio rural . O evento está organizado nesta ocasión polo Concello de San Sadurniño coa implicación dos departamentos de Medio Ambiente, Cultura e Turismo. Na feira daranse cita viveiros de planta e árbores, florerías, produtores de horta e firmas de maquinaria, ademais de postos de alimentación e un expositor institucional que promocionará San Sadurniño a través da súa riqueza ambiental e turística.
Durante os últimos 17 anos foi a asociación Bidueiro quen impulsou a Feira da plantación como punto de encontro da produción verde do concello e, andando o tempo, de toda a comarca. A recente disolución da entidade levou ao Concello de San Sadurniño a asumir a súa organización xa que se trata dun dos eventos anuais con maior afluencia de público. Unha realidade da que se benefician tanto os expositores que acoden á feira como a hostalaría da zona.
O evento presentouse na Galería Sargadelos con presenza dos titulares de Medio Ambiente e Turismo, Mari Carme García e Manolo Varela, e do técnico de desenvolvemento local, Ignacio Fernández. Os tres promocionaron a Feira da plantación unha opción de lecer para o domingo 28 de abril na que os visitantes que se acheguen a San Sadurniño terán unha boa escusa para pasear á beira do río Xubia, polo pazo da marquesa e os seus xardíns, o contorno do convento do Rosario ou coñecer a horta de foiteiras autóctonas e mailo arboreto galego situados no lugar da Cortiña.
Porén, a feira tamén quere ser un escaparate para as empresas e persoas vinculadas ao agro e unha maneira de poñer en valor as posibilidades de futuro dun medio rural que, segundo quedou patente na presentación, “é sinónimo de calidade de vida”.
A feira desenvolverase ao pé do colexio público de San Sadurniño, onde se instalará unha carpa de 2000 metros cadrados para acomodar os 31 expositores inscritos. Entre eles cóntanse produtores, comercializadores, cooperativas e organizacións como a Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA do Eume) ou a Casa do Mel de Goente.
Como tal, a feira iniciarase pola mañá e estará aberta ata ben entrada a tarde e nela haberá á venda produtos de todo tipo relacionados co cultivo da terra. A organización dispuxo tamén un posto para xantar e mesmo se programaron dous sorteos de produtos doados polos expositores, un ás 12.00 e outro ás 17.00h. Ademais, todas as persoas asistentes levarán unha planta de recordo completamente de balde. Para os máis pequenos organizouse un obradoiro de cerámica que comezará ás 17.00h.
Na organización colaboran Planteles Vivergal, a Deputación da Coruña e o Concello, quen confía en que o encontro sexa de novo un éxito de público no que, ademais, as firmas expositoras alcancen unha boa cifra de negocio. Por outra banda a feira deste ano tamén se tomará como unha experiencia real de cara a implantar un mercado de proximidade cunha periodicidade menor. Antano en San Sadurniño celebrábanse feiras en Santa Mariña e no núcleo urbano. Encontros nos que a produción chegaba ao consumidor sen intermediarios. Unha filosofía que o Concello estuda recuperar, contribuíndo en certa medida á reactivación da economía local.
Áreas de negocio:
Viveiros de planta
Viveiros de árbores froiteiras
Maquinaria agrícola e de xardín
Apicultura (Casa do Mel)
Fruticultura (AGFA)
Artesanía
Alimentación
Produtores de horta
Florerías
Expositores:
Casa do Mel de Goente / Madeiras e mimbre Ramón / Manantío comercio xusto / Pataca e planta da horta José Luís / Hortalizas Pilar Fernández / Floristería Peonía / Maquinaria Casiano / A Lagoa viveiros / El Castro viveiros / O Pomariño viveiros / Florgalicia e herbas de Caaveiro viveiros / Casa Curtis Produtos Naturais / Panadería Neda / Milhulloa S.coop.Galega / Xabóns aromáticos anxos / Churrería Susi / Froitas Castelo / Libraría Brétema San Sadurniño / Sidra Vicente / Centro de día de San Sadurniño / Asociación Cultural Bodegas del Marqués / Flores de Bach Charo Souto / Cd sonidos da natureza Eva Julián / Agfa do Eume / Muiño, suministros s.l / Cooperativa do Val Produtos Hortícolas / Artesanía con sementes e produtos ecolóxicos / Artesanía feita con produtos naturais Kreaquetekrea.











