A Feira da plantación de San Sadurniño congregou máis de 4.000 visitantes

Visitantes á mostra
Segundo os datos facilitados polo departamento de desenvolvemento local estímase que ao longo do día asistiron á feira unhas 4.000 persoas. Descoñécese polo momento a cifra de negocio xerada polo encontro aínda que desde o Concello informan de que varios expositores xa esgotaran as súas existencias a primeira hora da tarde, sobre todo os de planta e alimentación.
Con este balance provisional, as concellarías de Cultura e Medio Ambiente -organizadoras do evento- cualificaron a feira como “un éxito absoluto”, tal e como indicou o titular de Cultura, Manolo Varela.
O edil manifestou ademais que o resultado desta edición “fainos plantexar seriamente a organización dun mercado de proximidade para os produtos da terra cunha periodicidade menor, que podería ser cada dous ou tres meses”. Mari Carme García, concelleira de Medio Ambiente, expresou a súa satisfacción por como se desenvolveu a feira, “foi un constante ir e vir de xente durante todo o día e os expositores marchan contentos polas ventas que tiveron, algo de agradecer nos tempos que corren”, explicou.











