A exposición dos Maios no parque Miguel Hernández contará con 21 composicións florais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A entrada no mes de maio volve a celebrarse en Vilagarcía como manda a tradición: coa celebración da ancestral festa dos Maios. O Parque Miguel Hernández é o escenario elixido para montar a exposición das composicións florais presentadas ao certame pos grupos e colectivos do municipio. Este ano exhibiranse ao público un total de 21 maios das modalidades artística, cómica, caixas, barcos e cruz de maio. E como sempre, tamén haberá interpretación das coplas satíricas compostas para esta especial cita.

A Festa dos Maios comezará ás doce do mediodía, unha vez estean dispostos e distribuídos polo parque, os maios presentados ao certame, de feito que as persoas que os desexen admirar poidan facelo con comodidade e mentres pasean pola céntrica zona de esparexemento da cidade. Na zona de paseo habilitarase un escenario onde os grupos e colectivos inscritos deberán interpretar as súas letras. As actuacións rematarán sobre as dúas da tarde, pero os maios permanecerán expostos durante todo o día no parque para que o maior número posible de persoas poida gozar destas tradicionais e fermosas esculturas elaboradas a base de flores, herbas e outros produtos do campo. No caso de que chova, os actos trasladaríanse á Praza da Peixería.

Cónicos e artísticos os máis numerosos

As 21 composicións florais distribúense en 6 maios cónicos, 6 maios artísticos, 5 caixas, 3 cruces de maio e 1 barco. Este ano son seis os colectivos que participan na Festa dos Maios, todos eles ANPAS de centros educativos do municipio. O único grupo que participa cunha única composición floral é a ANPA Os Mecos BATA, que amosarán un maio cónico. As demais ANPAS presentan varios traballos. A do colexio San Francisco participa con dous, a de Rubiáns con 3, e a Escola Infantil Galiña Azul con outros. As ANPASD do Arealonga e do Vagalume son as que aportan maior número de maios, con 5 e 7 respectivamente e entre os que hai traballos de todas as categorías.

A Concellería de Cultura encárgase da organización da Festa dos Maios, un evento que dende hai anos non ten carácter competitivo, senón que prima o incentivo a grupos e colectivos para animar á súa participación e conseguir así manter viva e incluso impulsar esta típica tradición galega que son os maios e as súas coplas. Por iso, a Concellería compensará con unha axuda económica e roscas a todos os grupos participantes. A suma de cartos dependerá do tipo de maio, do número de persoas que integran o grupo e de si participan con ou sen copla. Tamén se valorará de xeito especial que os materias utilizados na elaboración dos maios sexan tradicionais e naturais. Con esta medida trátase de respectar a tradición e manter o espírito dos maios orixinais que os nosos ancestros construían para dar a benvida á primavera e agradecer á terra os produtos e as colleitas.

30 de abril de 2013 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.